Inicio Bibliografía Enlaces
 
Publicacións
Individuais
Colectivas
 

Contos do museo

 



Título original:

Autor:

Ilustrador:

Año y lugar de 1ª edición:

Editorial:

Colección:

Lengua de publicación:

Lengua original:

Traductor:

Núm. Pág.:

ISBN:

Contos do museo

Xabier P. Docampo, Agustín Fernández Paz, Paco Martín, Xosé Miranda

Xoán M. Balboa, Alejandro Carr

Lugo, 2003

Museo Provincial de Lugo

Deputación de Lugo

Galego

Galego

.

132 p.

84-8192-227-7

Comentarios: 

Resumen:

Conxunto de catro relatos de escritores lugueses, ilustrados por artistas da provincia e inspirados no museo provincial e nos seus contidos. A edición, coordinada polo escritor Antonio Reigosa, pretende achegar aos alumnos de secundaria noticias do edificio e converterse en guía literaria para viaxeiros con anceios de aventura. Intégrase nunha actividade didáctica denominada "Rutas literarias polo museo" (do fantasma, do paxaro, do trasno e da serpe), que toma como guieiro cadanseu relato.

Xabier P. Docampo colabora con Visita Nocturna: Inés ten que facer un traballo escolar sobre o museo e, ao saber polo dunha amiga que hai un aparecido nocturno, agáchase nun caixón da sala de exposicións de minimalistas lugueses e agarda ata as 12 para saír. Entón onda a imaxe de San Francisco de Asorey atopa a un frade (unha alma en pena que levita uns centímetros) pedíndolle ao santo que o saque de alí, onde leva centos de anos pechado. Tratábase dun membro da primeira comunidade do antigo convento que ocupara boa parte do actual museo. Foran todos condenados a morrer como castigo por un pecado vergoñento. Só tiñan unha saída posible, e para recordala pintáronlla a el nas costas, por iso non a puido ver, xa que non se podía ver a si mesmo no espello. Inés explicoulla: era polo pozo, que ía dar ao Miño. Liberado o frade, ela ha saír co día, cando abran, entre a xente. O texto resulta ser o traballo escolar de Inés.

Agustín Fernández Paz presenta en A serpe de pedra a un home que escribe desde o sanatorio para enfermos mentais nun caderno que lle deixou a doutora Salgueiro. Anuncia que cando chegue a noite se cumprirá a maldición e Lugo converterase na capital do horror que se estenderá por todas partes. Pretende que o seu sacrificio non sexa inútil e poida servir para deter o avance do Mal.

Licenciado en Historia cunha tese sobre as serpes eloxiada internacionalmente, como traballador do museo fixo escavacións na necrópole megalítica da Roza das Modias, en Vilalba, onde nunca ninguén o fixera. Nunha mámoa atopou tres anacos de sílex, que xuntos formaban o corpo dunha serpe. Expostos nunha vitrina do museo, provocaron un aumento de visitantes; dous deles, un home maior e unha moza, viñeran desde Berlín e acudían todas as mañás. Axiña ocorreron cousas inexplicables coincidindo coa lúa chea: apareceu a vitrina desordenada; logo, un ratiño e sangue seco doutro. Ao día seguinte, os visitantes, sobre todo o ancián, parecían rexuvenecidos. Neses días, a prensa informou que en varias cidades apareceran invasións de serpes. El sabía que o culto á serpe, asociado ao da lúa e case tan antigo como a humanidade, seguía tendo adoradores secretos agrupados en asociacións: confiaban nunha futura resurrección, coa muda da pel como promesa dunha nova vida. Soubo por Internet que o xefe das asociaciós no continente era o ancián alemán. A noite do 10 de setembro, novamente lúa chea, agachouse no museo e descubriu a moza alemana levándolle ratiños á serpe; logo, a enorme Serpe Deusa saíu da vitrina. El escapou e pegou coa cabeza contra o chan, quedando sen sentido. Ao volver en si, atopou a muda de pel da serpe, que abandonara o corpo de pedra no que vivira mil anos e encarnara de novo en ofidio, disposta a recuperar o seu reino. Agora está interno pois os médicos non creron o seu relato. E sabe que esa noite a Deusa Serpe vai vir por el. E que só un lume purificador que arrase a Roza das Moidas pode acabar coa maldición, para que ela volva á súa forma de pedra e permaneza aprisionada nela ata a fin dos tempos.

Paco Martín é o autor de Un paxaro posible. Amparo, profesora de debuxo, corrixindo os exercicios dos seus alumnos de 1º de BAC sobre o claustro de San Francisco descobre que só en dous deles aparece no ferro do arco do pozo que terma da roldana un paxaro pousado, un escorzo sinxelo e pouco definido. Nos dous debuxos a perspectiva é a mesma, aínda que os alumnos, Diego e Susana, situáronse en lados diferentes. Para aclarar a cuestión, en compañía do profesor de música, Daniel, pídelles explicacións e os rapaces contan que, impresionados polo retrato ao óleo dunha anciá resignada cun paxaro só esbozado na touca que parecía anunciar esperanza, collidos da man sentiran que os paxaros son posibles. Os dous ensinantes van ver o cadro e entón Daniel sente que os alumnos déronlle o empurrón definitivo para atreverse a compartir con ela o voo do paxaro no claustro.

Por último, Xosé Miranda en Un trasno do museo no Tour de Francia recolle a información do libro dun erudito bretón sobre os trasnos no Tour de Francia que conta as falcatruadas que fixeron nas décadas de 1970 e 1980 na famosa carreira. Sobre todo Berbenbexo, que segundo Álvaro Pino foi con el e amargoulle un Tour por culpa de chamarse como Álvaro Gil, o dos torques cos que eles xogaban cando os tiña no chalé antes de depositalos no museo, e tamén como Cunqueiro; seica só se librou del regalándolle un maillot. O libro, traducido ao galego, desapareceu, aínda que se fala de que no museo consérvase ben gardado un único exemplar. Será unha das tantas falcatruadas que disque os trasnos fan de noite no museo.