Minia estaba diario vendo a televisión, pero un día ao se ir deitar entrou no libro de contos. Con eles soñou toda a noite.
Entrou así no tempo en que os animais falan e coñeceu o burro Ministro a andar unha cidade non feita para el; a nena co paxaro que aprendeu a falar e lle pediu saír da gaiola e pasear; o porco de Martiño, que cambiaba de cor segundo o seu estado de ánimo; o gato Lourenzo, que atravesou o País do Inverno para coñecer a terra da súa moza, ou aqueloutro que por lambón quedou coa chocolateira entalada na cabeza. Sen esquecer o cabaliño do tiovivo canso de dar voltas para non chegar a ningures, que marchou coñecer mundo.
Eran soños a cores, como o dourado que conseguiu a rosa sen cor ou as da familia Coriñas do reino no que non se permitía que ninguén fose diferente. E menos mal que Tesio pintou as cores do mundo, que antes era todo negro.
Nesta viaxe marabillosa, soubo de don Lado Dereito, medio home, que casou con dona Lado Esquerdo, outra metade, e tiveron medios fillos xemelgos que xuntos facían un neno completo. Porque coa imaxinación soluciónanse problemas como o do asolagamento de Lameiro, que, ao levantalo, deixa pasar a auga por baixo. Por iso cando Exidia coñece a última fada, que lle vai aprender os seus poderes, asáltaa unha dúbida: se ela vai ser a súa sucesora, ¿que pode contestar candos os adultos lle pregunten qué vai ser de grande?