Conta o narrador que aos seus doce anos argallou un xogo que se chegou a converter nunha paixón: pillaba unha bolboreta e metíaa na boca. Aguantando a respiración todo o posible, coas meixelas inchadas, vivía o pracer de notala revoar dentro. Sen lle facer dano, deixábaa logo fuxir voando.
Un día ensinoulle o xogo a unha rapaza da que estaba namorado. Pero ela pouco aguantaba a bolboreta na boca. Como lle facía cóxegas, pegaba a rir, deixándoa liscar. A aprendizaxe do xogo converteuse no sentido da súa relación. Aínda que lle producía desasosego comprobar que a rapaza non daba aprendido a compartilo.
Ata que un día, mentres a bolboreta lle enchía a boca de azul e cerraba os ollos para identificar ben todas as sensacións, ela pediulle que lla pasase. A bolboreta pasou de boca a boca. Daquela sentiu por primeira vez prolongarse o pracer de cando el a tiña, mentres ela a gardou na súa cos ollos pechados. Ao que a deixou saír, a rapaza dixo que xa empezaba a saber ter unha bolboreta na boca. E marchou correndo, pero non sen antes pedirlle que ao día seguinte lle pasase outra.
Entón sentiu milleiros e milleiros de bolboretas voando dentro de si.
O texto, moi breve, de paixón contida, evoca un mundo de sensacións compartidas coa leneza das ilustracións a toda páxina.