
O Fotógrafo saíu á rúa o 11 de xullo á hora na que a selección española xogaba a final do Campionato Mundial de Fútbol. Sabía que a cidade estaría deserta e iso era o que andaba a procurar. Aparcou a bicicleta, ben se ve na foto, e... o que sucedeu a continuación contoumo así:
"Un balón chegou aos meus pés cando crucei por esa rúa deserta. Dous nenos xogaban ao fútbol mentres os seus pais debían estar a ver o partido na tele dun bar. Ían na segunda parte, uns minutos antes escoitara os berros da xente por mor, creo, da parada de Casillas a Robben.
Tireilles un par de fotos e pregunteille a un deles:
-Como vai o partido?
-Un, cero.
-Quen gaña?
-Eu.
Para estes rapaces só existía o seu partido."

















