A maioría
dos que estabamos no seminario nos anos cincuenta aquela era a única
posibilidade que tiñamos de acceder aos estudos. É certo que foi un camiño que
se nos ofrecía cando parecía non haber outro. Estudar o bacharelato, para os
rapaces da aldea con poucos recursos económicos, non era doado, nin sequera o
era para os que vivían na cidade, onde tamén eran unha minoría os que estudaban
e case nula para os fillos dos traballadores da sociedade urbana. Cada ano
entraban no instituto de calquera cidade de Galicia (cantos había? Sete
masculinos e outros tantos femininos?) non máis rapaces dos que entramos no
seminario de Lugo no ano cincuenta e seis.
Pero se
admitimos (e eu fágoo) o que de única oportunidade de estudo para pobres e
aldeanos tiña o seminario, non podemos deixar de ver que era outro elemento
máis de discriminación para con eles fronte aos podentes urbanos que estudaban
no instituto.
Esa
oportunidade, no meu caso (e se foi só comigo a cousa é moito máis grave do que
eu mesmo pensei sempre, porque equivale a un trato máis discriminatorio e
brutal aínda) levaba aparellado un réxime de represión, golpes e desaires que
non tiñan os alumnos dos institutos onde non se pegaba, agás moi raras excepcións.
A mensaxe que nos enviaban estaba clara: isto é a vosa posibilidade mentres
aceptedes as condicións: submisión total, aguantar en silencio un trato que
merecía ser obxecto de rebeldía e publicidade... Sufrir fortalece o espírito, dicíannos.
Aguantar, chegar a segundo de filosofía: por sete cursos aquí danche seis fóra,
bacharelato superior… O ascenso dos pobres na escala social ten alto prezo.
Non hai
moito comparábame un compañeiro daquel tempo, o custo económico do seminario co
alto prezo dos internados dos colexios relixiosos (nós estabamos, parede por
medio, a carón dos maristas), mais a comparación non é posíbel ao se tratar no
noso caso de estudos relixiosos e no outro de estudos civís. Non sei cal era o
custo dos noviciados relixiosos, pero esa sería a comparanza válida.
O que se di
oportunidade de estudo, non é máis ca outra proba da inxustiza. Dicíanlles a
nosos pais que era unha oportunidade para nós, co que garantían unha presión a
maiores para que aguantásemos en silencio, e a cambio podían someternos a un
trato degradante con total impunidade. Se alguén tirou proveito daqueles anos,
e é ben certo que moitos o fixeron, é por mérito propio, nunca porque aquilo
tivese algún tipo de xustificación. Congratúlome do éxito cultural, social e económico
de todos cantos seminaristas daquel tempo o conseguiron. Para eles o meu
respecto e os meus parabéns, mais que non me digan que temos algo que lles
agradecer aos nosos educadores do seminario.
Que sería de
vós, os que conseguistes ese éxito na vida, co mesmo esforzo e o mesmo traballo
nun lugar onde se nos tratase co afecto e consideración que esixía a nosa
condición de nenos de dez ou once anos afastados nas nosas familias?

















