Ocorreu que un accidente de certa importancia no meu pé dereito, deixoume nunha situación que me impediu a comunicación (seis días de hospital seguidos de dúas semanas de inmobilidade na miña casa de Vilarón, onde non teño internet) por medio deste blog e, consecuentemente, tampouco puiden volver á rodaxe, aínda que dela me chegaron moitas e moi cariñosas mensaxes de ánimo.
Como me chegaron de tantos amigos e amigas que me queren e que así mo manifestaron. Para todas e todos o meu agradecemento agora e o meu cariño sempre.
(Hai un bocadiño que me chamou Carlos Amil para me dicir que na rodaxe acababan de soar as palabras máxicas: PELÍCULA ACABADA!!)
Xa de volta na miña casa capitalina e como persiste a severa orde de inmobilidade, pouco podo traballar no computador por mor do cansazo que me produce a postura incómoda na que debo permanecer, pero confío en poder regresar a mediados da semana que vén á comunicación (se as previsións medicas se van cumprindo). Daquela farei aínda uns cantos posts nos que conte todo canto da película tiña previsto contar, aínda que o faga agora, cando a rodaxe rematou e todos os que nela traballaron, para os que só teño palabras de admiración e cariño, regresan ás súas casas, aínda que con eles vaian todos os recordos d’A Casa da luz.

















