Inicio Bibliografía Enlaces
Blog
Biografía
Contacto
 

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.


August, 2012
Na morte de Avelino Pousa Antelo


Foise Avelino Pousa Antelo. Vaise con el a presenza última daqueles homes e mulleres que, arredor da guerra civil española daban testemuño público da nosa nación, que era tanto coma dalo de todos nós, dos que haberíamos vir para dicirmos e sermos a nación.
A min váiseme un amigo que moito admirei e moito quixen, e cando isto ocorre un sente que a alma é un vidro que estala e rompe coa perda dos amigos. E un anaco dese vidro despréndese e deambúlanos feito recordo, xa só lembranza sen presenza, Avelino.
Aínda conservo enteira a emoción daquel día no que lle presentei ao meu fillo o Avelino: Aquí tes un home que coñeceu a Castelao, que apreixou a súa man. E apertaron un a man do outro. Eran dous piares dunha ponte que unía a historia e o futuro. Coma tantas outras pontes que construíu o maxisterio de Avelino, porque iso foi, un mestre.
Pero tamén se vai un home bon. Un home cabal que se deu con xenerosidade a Galicia, aos homes e mulleres deste pobo que tanto amaba. Déixanos o exemplo dunha vida entregada e unida ao destino de Galicia.
Adeus, Avelino, nada te puido parar nin torcer, só se nada nos para nin nos torce seremos dignos da túa inesquecíbel lembranza.


posted by Xabier, August 20, 2012 18:00 | permalink | General
June, 2012
PROLINGUA PROMOVE UNHA HOMENAXE NACIONAL A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ


Homenaxe

A plataforma cidadá ProLingua quere convidalo á Homenaxe Nacional que se lle renderá ao escritor Agustín Fernández Paz o vindeiro 30 de xuño de 2012 en Vigo. O acto, que será conducido por Rosa Aneiros, terá lugar ás 12:30 horas na Sala Auditorio do Centro Social Novacaixagalicia (Rúa Policarpo Sanz, 26). A seguir haberá un xantar programado para as 15:00 no Restaurante Carrís de Vigo ( Avda. Beiramar, 57).

 

Co desexo de velo ese día preto de Agustín, reciba un afectuoso saúdo.

A Cerna de ProLingua
 
 
Na páxina web de ProLingua algúns detalles máis para a participacion neste acto.

 



posted by Xabier, June 07, 2012 11:42 | permalink | General
May, 2012
UN DÍA CON E PARA XAVIER SENÍN, IRMAO


Hoxe foi o bonito día no que un grupo de amigas e amigos xantamos arredor dun amigo especíal,  Xavier Senín.
Poucas cousas se parecen tanto á felicidade coma dicirlle a un amigo o noso cariño, e a iso dediquei ( e dedicamos trinta e un amigos e amigas) este 26 de maio.
A cousa era expresarlle ao Senín o noso cariño e o noso agradecemente por tantos anos de amizade. Dicirlle que el é dos bos e xenerosos, que o que el ten chámase bonhomía.
Pero tamén puiden ver amigos que había tempo que non vía, puiden coñecer persoas que non coñecía persoalmente e que moito admiraba polo su traballo literario. Tamén houbo persoas que non coñecía anteriormete e que me cativaron coa súa conversa neste xantar. En fin, un bon día
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 
 


posted by Xabier, May 26, 2012 17:21 | permalink | General

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2012


17 de maio de 2012, coma cada ano desde hai corenta e nove, Día das Letras Galegas. Cincuenta celebracións desde 1963 e na cidade na que vivo, A Coruña, este ano non se celebraba, deixábase pasar así, ao desleixo, para que vaia ficando no esquecemento até que desapareza, é unha celebración demasiado galega e é mellor ir facendo por borrala da memoria dos galegos e galegas de hoxe.
Mais nesta cidade hai moita máis xente con corazón galego (Arriba os corazóns galegos, escribiu o 28 de xuño de 1936, día do referendo do Estatuto, Valentín Paz Andrade na primeira plana de El Pueblo Gallego) da que pensan os nosos munícipes. Xentes que falan unha lingua ou outra, a que lles peta, mais respectan as dúas e queren ver a ambas en plena igualdade (e para iso hai que protexer e facer medrar á máis feble). Pensando nesa xente deume por chamar a tres persoas que teño por amigos: Lino Braxe, Miguel Mato Fondo e Olga Patiño, poetas todos tres. Xuntámonos e demos en facer algo, unha acción que celebrase ese día na Coruña como é debido. E fixemos o que hai facer nestes casos chamar pola xente da cultura, polas persoas que viven día a día na arela de alimentar os espíritos abertos, libres… E acudiron actrices, actores, poetas, músicos, mimos, cómicos…* E viñan coa súa xenerosidade aberta e libre, tamén ela, pintada na ollada.
Así as cousas falamos con corenta e tres (poderían seren moitos máis, pero temos que recoñecer que a prudencia freou o entusiasmo) bares ou restaurantes e unha libraría** e xa estaba montada acción que celebraría o Dia das Letras 2012 na cidade da Coruña: Bares e letras. Unha actividade nacida e feita desde a sociedade coruñesa, custeada por nós mesmos e sen presenza de ningunha institución nin pública nin privada. Consistía en que, entre as oito da tarde e as doce da noite, a cada un dos estabelecementos habería chegar un grupiño de persoas e unha delas, fose poeta, narrador, actor actriz, músico…, recitaría un poema, lería un relato, cantaría unha canción ou faría un pequeno sketch como agasallo aos clientes que houbese naquel intre no local. Máis nada.
Non son eu quen debo falar aquí do éxito da actividade, non estaría ben, pero si que o poden facer os meus amigos e amigas que recitaron, cantaron, leron, tocaron… A todos eles lles podedes preguntar. E mentres eu quero darlles o meu máis emocionado agradecemento pola súa xenerosidade, por demostrar máis unha vez que os soños son posíbeis e mesmo realizábeis; por poñeren de manifesto de forma clara e contundente que sempre estarán aí para loitaren contra a barbarie, e evitar que nos facareños tempos que andamos e que nos agardan ocupe ela, a barbarie, o lugar da cultura. ***


* Miguel Mato, Ánxeles Penas. Carlos Lorenzo, Mercedes Queixas, Fernando Morán, Ánxela Abalo, María Barcala, Olga Patiño, Lino Braxe, Raquel, Laura Mariño, César Morán, Luisa Merelas, Elina Luaces, Manuela Varela, Auraoa Castelo, Uxía Vázquez, Vicki, Pepe, Carlos Lesta, Ana Respino, Claudia, Áurea, Moncho Iglesias, Natalia Concheiro, Carmen Cotelo, José Carpenter, Esther López, María Polo, Xosé Taboada, Paco Campos, Chisco Fdez. Naval, Maribel Longueira. (Perdón se falta algún nome).
 

** La Toscana, Mesón A Roda, Bar Malpica, Cafeterái Marái Pita, Café Bar Verdura, La Casa del Pescadito Frito, O Tequeño, O Cabildo, Jamón Guijuelo, O Paladar, Mesón Arume, Die Kneipe, Mesón O’Calexo, Casa Jesusa, Mesón A’Tixola, Mesón San Antón, Mesón O’Galego, Restaurante Tanagra, Dublín, O Delito, Tasca Troula, Bar A’Cancela, Tasca O’Tarabelo, Casa da Moura, O Lorcho, O Corno, La Bombilla, Cervecería El Real, Mesón Bar A’Miña Casa, Mesón As Cavas, Don Ulpiano, Cafetería Centro Gallego, O’Piorono, Chisco Petisco, A Casiña, A Anduriña, Macondo, Mesón Paredes, O Miudiño, A Taberna de Cunqueiro, O’Atallo, Cervecería A Franxa, O Cachibache, Libraría Nova Colón. (Tamén aquí hai que pedir desculpas, son para aqueles locais nos que se recitou e cantou e non están na listaxe por seren incorporacións sobre da marcha da actividade).<?xml:namespace prefix = o ns = "urn:schemas-microsoft-com:office:office" />

 

*** Grazas tamén a Lola de ARGA que nos deseñou o cartaz. O pousavasos é da inspiración deseñadora de Lino.



posted by Xabier, May 19, 2012 17:05 | permalink | General
April, 2012
No Fogar de Santa Margarida con Agustín e outras persoas ben queridas


Onte, 23 de abril e Día Internacional do Libro, foi un día para as saudades, e digo saudades porque eu non me teño por nostálxico, en min o tempo pasado só é memoria non desexo, mais si que, ás veces, me deixa un pouso de ben perdido, e iso é saudade.

Reunímonos no Fogar de Santa Margarida da Coruña para homenaxear a Agustín Fernández Paz, irmao e amigo. Mais con esa desculpa demos un repaso á nosa vida e ás nosas arelas daquel tempo no que, aló polo ano 1973, nos encontramos nese centro de ensino. Van aló trinta e nove anos de íntima amizade, que son unha vida enteira.

Naquel curso e nos dous seguintes, co pulo insustituíbel de Xosé Antonio Vázquez Cabarcos, impulsor e dinamizador daqueles arriscados e avanzados proxectos educativos, e dos seus compañeiros na responsabilidade directiva do centro, Andrés García Vilariño e Alfonso García Sanmartín, a máis da valiosísima col

aboración doutros docentes como Xavier Senín, o inesquecíbel José Mª Sanchez Pernas (q.e.p.d.) e tantos outros e outras que sería imposíbel nomear aquí, lanzámonos a, collendo o paso doutros moitos compañeiros e compañeiras na Coruña e en toda Galicia, inventar de novo este oficio da docencia e romper cos usos rutineiros e carente de calquera ambición de progreso educativo que a ditadura promovía. E así fixemos, nun centro onde o alumnado proviña do máis amplo abano social da cidade, un experimento de educación individualizada que moito nos satisfixo e tanto significou na nosa vida profesional futura, e só unha certa modestia me impediría afirmar que na nosa nación.

Así, o que había ser un día de homenaxe a Agustín, viuse convertido nun día que me permitiu tamén, a min e a todos, poder expresar o meu agradecemento e afecto por Xosé Antonio, por Andrés e por Alfonso, bos e xenerosos. 

A Agustín loárono os alumnos e alumnas, fixéronlle agasallos e déronlle iso tan rimbombante que é a insignia de ouro do Fogar, e mesmo MIni e Mero (cantos homenaxes non merecen eles deste país!) cantáronlle e Raúl tocou a gaita para el. E Xavier Senín, outra alma xenerosa, dedicoulle unhas palabras ben, ben fermosas e sentidas que a min me encheron un par de veces os ollos de auga.

Felizmente tocoume acompañalo en todo isto, pero tamén tiven esa tarde varios premios que gardo no almeiro das cousas bonitas. Non foi o máis pequeno deles o me encontrar cun grupo de alumnas (e un alumno) daquel tempo que, lonxe de me gardar rancor, tiñan unha lembranza de min que me encheu de emoción e de contento. Estas mulleres fermosas e ese home feito, o Rocha, que agora vedes na foto (tamén estamos Agustín, Afonso e máis eu) teñen para sempre todo o cariño que o meu corazón é quen de dar.



posted by Xabier, April 24, 2012 11:56 | permalink | General

O HOME QUE ESCRIBIU UNHA CARTA...


Tiña eu hoxe toda a inteción de escribir, aínda que xa hai moito escrito e ben no tocante ao asunto, un post sobre dun feito dramático que me perturbou nesta fin de semana. Trátase do suicidio na praza Syntagma de Atenas do farmaceutico xubilado Dimitris Christoulas.

Mais nada poderei esdribir que teña a forza e o dramatismo da carta (fotografía) que levaba Dimitris no peto da súa chaqueta cando se pegou un tiro na tempa. Aquí vos deixo a transcrición á nosa lingua, para que sirva de reflexión sobre o mundo que nos están a preparar e ao que nos levan se nós non lle poñemos remedio.


O Goberno de ocupación de Tsolakoglou[*]  reduciu á nada, literalmente, a miña capacidade de supervivencia que dependíaCarta de Dimitris Christoulas dunha respectábel pensión que, durante máis de 35 anos, eu só (sen contribución do estado) paguei. 

 

Dado que teño unha idade na que xa non teño o poder de resistir activamente (aínda que, por suposto, non descarto que, se calquera grego empuñase un kalashnikov, eu sería o segundo en facelo), non atopo outra solución para un final digno antes de que estea reducido a buscar no lixo para alimentarme.

 

Creo que os mozos sen futuro tomarán as armas algún día e colgarán aos traidores nacionais na Praza Syntagma, igual que os italianos colgaron a Mussolini en 1945 na Piazza Poreto de Milán.



[*] Georgios Tsolakoglou  foi un oficial do exército grego que se converteu no Primeiro Ministro do goberno colaboracionista grego durante a ocupación nazi en 1941-1942.



posted by Xabier, April 09, 2012 7:01 | permalink | General

[FIRST]  [PREV]  ... 4 5 [6] 7 8 9 ...  [NEXT]  [LAST]
31 - 36 of 111


Meus pais


O tempo na Coruña / Alvedro


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet


blog home



archive
FEBRUARY 2016
JANUARY 2016
DECEMBER 2015
MARCH 2015
FEBRUARY 2015
DECEMBER 2014
NOVEMBER 2014
SEPTEMBER 2014
JULY 2014
JUNE 2014
APRIL 2014
MARCH 2014
JANUARY 2014
DECEMBER 2013
MAY 2013
APRIL 2013
MARCH 2013
FEBRUARY 2013
JANUARY 2013
DECEMBER 2012
AUGUST 2012
JUNE 2012
MAY 2012
APRIL 2012
MARCH 2012
FEBRUARY 2012
DECEMBER 2011
OCTOBER 2011
APRIL 2011
MARCH 2011
DECEMBER 2010
NOVEMBER 2010
JULY 2010
JUNE 2010
MAY 2010
FEBRUARY 2010
OCTOBER 2009
JUNE 2009
MAY 2009
APRIL 2009
MARCH 2009
NOVEMBER 2008
SEPTEMBER 2008
AUGUST 2008
JULY 2008
MAY 2008
APRIL 2008
MARCH 2008
FEBRUARY 2008
JANUARY 2008
DECEMBER 2007
NOVEMBER 2007
OCTOBER 2007
SEPTEMBER 2007
MAY 2007
APRIL 2007
MARCH 2007
DECEMBER 2006
NOVEMBER 2006
OCTOBER 2006
SEPTEMBER 2006
JULY 2006
JUNE 2006
MAY 2006
APRIL 2006



:: CANDO XA NON HAI A ONDE IR, VAISE AO RIDÍCULO
February 12, 2016
:: A HISTORIA DO TOURO FERDINANDO
January 31, 2016
:: NA OUTRA BEIRA DAS AUGAS GRANDES
December 01, 2015
:: O CLAN DE GRANDA (II)
March 01, 2015
:: SOMOS NÓS OU NON SOMOS
February 23, 2015






Diccionario da Real Academia Galega




Mandar a un/unha amigo/a



Para seguir este blog



administrador










| © 2006-2009 Xabier P. DoCampo |