Inicio Bibliografía Enlaces
Blog
Biografía
Contacto
 

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.


March, 2013
NOELIA


Teño reflexionado con frecuencia sobre o oficio da escritura. É un traballo que forma parte dos meus momentos de felicidade. Fóra dos rostros amados, nada, ningunha ocupación me fixo completamente feliz, ningunha cousa encheu o meu corazón e permaneceu, so tiven lóstregos, seguramente non hai máis nada, iso é todo.

Ando nos institutos e nos colexios onde me encontro cos lectores e lectoras das miñas obras e gústame falar con eles. Procuro que a conversa derive o máis posíbel a falar da literatura, do valor da lectura e do pracer da escritura. Por pudor, fuxo canto podo de falar de min e dos meus libros, prefiro, porque me sinto máis libre de loalas, falarlles das obras dos outros, dos clásicos que amo coma Cunqueiro e Stevenson, pero tamén dos meus contemporáneos, autores grandes e dignos de seren lidos o mais deles. O meu meirande degaro é que lean, non que lean os meus libros.

Vén todo isto a conto de que hoxe estiven no CEIP de San Pedro de Visma, n’A Coruña. Pasei cadansúa hora cos rapaces e rapazas de 5º e 3º de primaria, e foi estando con estes últimos cando sucedeu o intre de felicidade do día de hoxe para min. Levantou a man para facerme unha pregunta Noelia. Noelia é unha nena que, para chegar a onde os outros chegan con facilidade, ten que se pór na punta dos pés da alma. Indiqueille que falase e díxome: "Me gustó mucho tu cuento”, así, aínda que case todos me falaron en galego, ela díxomo en castelán.

Sentinme conmovido até onde o meu corazón resiste. Teriades que ver como me estaba a ollar Noelia cando dixo isto. Tiña nos olliños a mesma luz que, estou seguro, se lle pon cando lle di a súa mai "quérote moito”. A mesma que se acende cando a mestra lle di que o seu traballo está moi ben feito e a felicita. Alí, nos seus ollos, estaba a rebentar un foguete de lucería. Vin, algo que hai moito que non vía, a ollada das verdades da alma, esa pola que se pode penetrar no corazón limpo e fermoso dunha nena que garda nel toda a inocencia do universo.

Só escribir, crear novas historias anceio. Nin éxito literario nin premios nin recoñecementos públicos andei nunca a procurar. Vivín este oficio, collendo o que se me outorgou con agradecemento, pero sempre como se fose algo alleo. Mais se esas cousas arelase nalgún momento da vida, todas, todas as trocaría agora polas palabras de Noelia. Para escoitar cousas así é polo que me paga a pena facer o que fago e seguir desexando escribir un conto máis.



posted by Xabier, March 12, 2013 15:28 | permalink | General

O CLAN DE GRANDA


A cousa sucedeu hai xa dúas semanas, o sábado 16 de febreiro. Dábame un certo pudor traer aquí algo que ten un aquel de privado. Pero venzo eses pudores e conto o que aquel día aconteceu.

Ese día xuntámonos en Xermar, a parroquia na que se escriben as nosas lembranzas máis afastadas, catro xeracións da familia de Granda, que é a nosa, a de aqueles que máis perto ou máis lonxe do nome de pía levamos o apelido Puente, que segundo di o Padre Crespo Pozo no seu Linajes y Blasones de Galicia, «los Puente o bien son gallegos o vinculados en algunas de sus ramas a Galicia» e no noso caso vencellados desde tempos inmemoriais á Terra Chá.

Foi unha xornada emocionante na que disfrutamos toda a parentela, desde as nosas velliñas (aínda están aí tres fillas da casa de Ribadainsua e outras tres viúvas doutros tantos fillos desa casa petrucial, e que sigan por moito tempo) até a cativería máis noviña.


Estivemos alí esas sesenta e seis persoas que se ven na foto atrancando a estrada que vai de Castro á Feira do Monte, e que formamos na actualidade o clan dos de Granda. As ditas seis tías, curmás e curmáns, cos seu fillos e fillas, con xenros e noras, con netos e netas... Todos cinguidos a un mesmo vencello familiar que, formado por xente labrega e traballadora (e algúns cregos, tamén é certo), fundamentou o seu orgullo de clan na honradez da súa xente xa que non o facía en estirpe de nobreza ou fidalguía. A casa de Granda ten un lugar na historia da Terra Chá por se radicar nela desde fins do século XVIII unha parada de bestas, cando estes negocios eran unha concesión gobernamental sometida a estritas normas de distancia e control.

En realidade, e esa é a verdade, non hai máis orgullo de clan que aquel que nace do cariño e a el nos acollemos ao celebrarmos esta xuntaza.







posted by Xabier, March 02, 2013 17:03 | permalink | General
February, 2013
Ana Luísa Amaral: COMO TU


Hai uns poucos días recibín un libro. Viña de Portugal e era unha obra da miña benquerida amiga e admirada poeta Ana Luísa Amaral. Antonte dediqueille á lectura do libro un bo bocado da tarde. E onte volvín lelo, desta vez escoitando, ao mesmo tempo, o CD co recitado dos poemas acompañado ao piano, que vén co libro. Titúlase Como Tu e está editado por Serviço Educativo do Teatro Campo Alegre, Porto Cultura, Fundação Ciéncia e Desenvolvimento e a Cámara Municipal do Porto. Trátase da edición do texto a partir do espectáculo da autoría da propia Ana Luísa Amaral, Amor aos Pedaços, bonito título que comparte cunha gran cadea de dozarías brasileira.


Até aquí a información previa. Agora toca dicir que se trata dun libro dunha beleza deslumbrante. Eu teño, desde comecei a ler os seus poemas, a Ana Luísa Amaral por unha das máis grandes poetas non só portuguesas, senón de calquera lingua. Este libro vén demostralo máis unha vez.


Trátase dun conxunto conexo de poemas que percorren un discurso polo que pasa o amor:




Aos pedaços, o amor?

Mas como pode ser?

Como pode partir-se em bocados

O amor?

Não se parte a cambraia:

se lançarmos ao ar um lemço de cambraia,

é como um paraquedas a voar:

pode abrir-se no ar,

mas vai chegar inteiro

ao chão.

[...]

 

Mas há praias de rochas

como areias.

Esboroam-se essas rochas.

E ficam como pó,

como poeira.

 

Isso acontece ao amor,

ou pode acontecer.

Ás veces acontece —

 

O amor pode mudar.

 

A adolescencia e as súas mudanzas:

 

Tudo muda e se transforma.

Como Tu.

 

O dereito á diferenza:

 

Há quem ache os sapinhos

bichos peganhentos,

há quen ache as minhocas

muito moles,

há quem ache as serpentes

um péssimo animal.

 

Sabes porqué?

 

Porque são mais

diferentes do que a gente,

[...]

Quen sabe se o cavalo não acha o sapo

diferente também...

Ou pode ser

que nem se rale!

[...]

Pode ser que te digam

que és mesmo diferente.

 

Não tenhas medo

de dizer que és

se quiseres ser.

 

A alegría e o abrollar da vida tamén están neste discurso poético. Porque está a vida enteira: a casa e a familia, mais non a casa cárcere, senón a casa que respira. Non está a familia esmagadora que castra, senón a que libera e aprende a voar. E están tamén os atrancos, porque nunca ha faltar na vida unha legua de mal camiño, pero aí anda o tempo sanador.


Os lectores que están a se formar na vida e na lectura, aqueles que van ler a  Pessoa, a Sophia de Mello Breyner ou a Hoderling, nacerán da lectura deste poemario e dalgúns máis, non moitos, que son escritos acreditando sen dúbida na intelixencia dos lectores, tamén destes máis novos.


Obrigado, miña ben amada amiga Ana Luísa por nos facer o presente desta peza de ourivesaría poética, obrigados ficamos polos teus resplandecentes versos.

Na foto Ana Luísa e máis eu na Biblioteca de Cambre. Detrás vese o crocodilo pintado alí en directo por Xosé Cobas aquel mesmo dia.


Na foto Ana Luísa e máis eu na Biblioteca de Cambre. Detrás vese o crocodilo pintado alí en directo por Xosé Cobas aquel mesmo dia.








O libro complétase coas fermosas ilustracións de Elsa Navarro, unha ilustradora portuguesa ben interesante que nos ofrece unha narración gráfica composta dunha mestura de técnicas: lapis, aguadas e collages de material téxtil (teas, lás...) de todo tipo, e de debuxos de feitura académica que dialogan con outros máis soltos e suxerentes, que complementan o discurso poético verbal coa súa aportación de poesía gráfica.


 Eis neste libro unha ocasión para as editoras galegas de apañar unha boa obra para o seu catálogo.



posted by Xabier, February 17, 2013 8:24 | permalink | General
January, 2013
POLA LINGUA QUE NOS UNE, IREI O DOMINGO DÍA 27 DE XANEIRO A COMPOSTELA


Este domingo, día 27 de xaneiro teño que ir a Compostela. Si, porque quero estar cos meus, coa xente miña. Quero estar...



Ir a unha manifestación non é unha festa, é unha dor, estamos alí porque hai algo que nos doe, agora o desprezo que o goberno fai da nosa lingua e dos seus dereitos (porque hai dereitos que están ligados á lingua e ao seu territorio, por máis que alguén pretenda dicir o contrario). Pero tamén polos dereitos dos seus falantes: os que o son xa, os que o queren ser pero só lles poñen atrancos, os que o serán, que só se a lingua galega está presente na sociedade e na escola,  algún día poderán decidir libremente falala.

Eu, coma Luther King tamén teño un soño. Soño con que algún día sexa todo o pobo galego, sen máis bandeiras nin siglas, sen máis logotipos nin imaxes distintivas que aquelas que se forman coa súa presenza a corpo limpo. Sen máis persoeiros por diante ca xente do común, nos manifestemos nas vilas e cidades de Galicia, en Vigo, na Coruña, en Lugo, en Ourense, en Pontevedra, en Monforte e en Verín, en Vilagarcía e tamén en Compostela, onde nos queiramos xuntar, aparecendo de todos os recunchos coma formigas guerreiras dispostas a que se saiba que o pobo galego e só o pobo galego é dono da súa lingua. E que non está disposto a permitir a aldraxe a que hoxe a somete (do verbo someter: Poñer alguén baixo a súa dependencia ou autoridade [unha ou máis persoas], en particular por medio da forza ou das armas. di o dicionario da RAG) o goberno que a debera defender por enriba de todo.

Pero mentres ese día non chega, eu o domingo día 27 estarei en Compostela con todas as irmás e irmaos na defensa da lingua propia de Galicia. 



posted by Xabier, January 25, 2013 10:34 | permalink | General

QUE FAGO EU ONDE TANTO ME DESPREZAN?


Castilla miserable, ayer dominadora,

envuelta en sus andrajos, desprecia cuanto ignora.

Antonio Machado



Xa hai tempo que sabía que o debuxante El Roto, sempre tan progresista el, tan látego de banqueiros e capitalistas; tan defensor da Natureza e do ecoloxismo, en fin, tan válido para "ir no meu carro á misa”, coxeaba dese nacionalismo español, excluínte e despectivo que, tinguido dun anexo centralismo, caracteriza ese pensamento (?) mesetario-madrileño que se estende por todo o territorio da península (si, si mesmo hai pequenos abrollos en Lisboa). Con todo, como non lle neguei nunca as virtudes progresistas que citei, seguía interesado nos seus debuxos no diario El País, polo xeral ben atinados. Pero hoxe, coa viñeta que reproduzo, botou por fóra coma un máis dos, tan abondosos, opinadores e xornalistas da prensa madrileña que se caracterizan pola súa intolerancia racista do diferente e pola súa filo-fascista inclinación á uniformidade.


Orgullosos da súa ignorancia e incapaces de admitir calquera identidade distinta da que eles se atribúen a si mesmos, arremeten coma carneiros entolecidos contra todo canto pretenda vivir no dereito a ser o que é e non o que lle digan que ten que ser. Coa semente que botaron agora agroman situacións arredistas, e responden incapaces de entender que o máís natural que había suceder, que a única consecuencia que podía vir do seu desexo de impoñer a súa lingua, de desprezar e intentar borrar do mapa das linguas a miña, dos seus intentos de me facer cambiar de lingua, de cultura, de pasado histórico, é que eu entenda que non lles gusto así como son. E cando comprendo esa mensaxe de desprezo cara a min, eu só podo responderlles: se non vos gusto, voume.


O destacado antisiquiatra David Cooper dicía: "Amar é deixar que o outro sexa o que quere ser”. Nunca entenderon que os seres humanos só podemos permanecermos xuntos se nos respectamos. Se permitimos aos outros ser o que son e mesmo lles axudamos a selo. Coa súa actitude de agresión e de exclusión do que me é propio e diferente do seu o único que están a me demostrar é que me queren cambiar, dominar, domesticar, calquera cousa menos permitir que sexamos, vostede, señor Rábago e mais eu xuntos cada un o que somos.


Pois si, señor Rábago, a lingua é un signo de identidade, e precisamente por iso non é casquería  senón, o máis valioso e visíbel do noso ser diferenciado. Por iso eu non teño a súa polos liviaos que se desbotan, senón que a teño por un dos signos que me permiten identificalo a vostede como o que é. Non na totalidade, pero si unha parte moi importante, aquela que lle dá un lugar no Universo.


Enchéuselles a boca de España (que boa imaxe para que a debuxe El Roto), enchéuselles tanto que non lles quedou sitio para nós, para os que temos outra lingua, outra cultura e somos suxeitos dunha historia con resultados distintos. Porque mire señor Rábago, cando vexo que tampouco vostede, que pensei que si, non comprende isto, entón xa nada espero, só poder irme de onde non me queren.




posted by Xabier, January 14, 2013 12:22 | permalink | General
December, 2012
CHEGOU O NADAL


Todos os anos, cando chegan estas datas, a memoria sobarda coas lembranzas da infancia e do Nadal daqueles días. Un Nadal feliz porque era o da nenez. Estou seguro que o Tomás, o Xoán Xosé e a Maruxa tamén lembran aquela felicidade infantil na Feira do Monte.
Será por iso que desde a primeira vez que lle escoitei a Lilian Gish pronunciar as palabras que di ao final de  The Night of the Hunter de Charles Laughton, tiven o Nadal como unha festa infantil. Tempo despois lin a novela de Davis Grubb na que se basea a película, e esas palabras, que tantas veces compartín con Martin Pawley, volvéronse máis importantes e fanse sempre presentes ao chegaren estas datas.
Póñoas aquí a xeito de postal de Nadal. Con elas desexo para todas as persoas dos meus afectos, da miña amizade un bon Nadal, tan bon que non nos permita esquecer nin sermos indiferentes nin, moito menos, resignados.

«O Nadal enfurecía a Rachel. Traía á súa memoria máis unha vez todo o que o mundo lles fai aos nenos, Se escoitamos con atención, en todas as noites da historia se pode sentir o ruído das pisadas dos nenos abandonados para os que non se abre ningunha porta acolledora. E naqueles axitados días que precedían ao Nadal a vella Rachel andaba pola cociña a remexer cos pucheiros e coas cazolas, rosmando e ollando polas fiestras con cara de ferreiro, enfadada polo xeito como tiñan que pasar aqueles días de invernía tantos nenos en tantos lugares do mundo.

[…]

Rachel reflexionou sobre dos nenos. Cabería pensar que o mundo debera avergoñarse de ter dedicado aquel día tan sinalado a un deles e, porén, deixar que todo seguira igual: que os nenos vagaran polos camiños e lanzaran os seus laios ao vento coma ovellas perdidas mentres o pastor bebía e se regalab na taberna sen prestar ouvidos ás súas febles queixas. O Señor garde os nenos! Porque a todo fillo de muller lle chega o intre de correr por un lugar sombrizo, un canellón sen portas, perseguido por un cazador cuxas pisadas resoan intensamente nas pedras do chan.»

Davis Grubb: A noite do cazador (1953)


 


posted by Xabier, December 24, 2012 12:57 | permalink | General

[FIRST]  [PREV]  ... 3 4 [5] 6 7 8 ...  [NEXT]  [LAST]
25 - 30 of 111


Meus pais


O tempo na Coruña / Alvedro


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet


blog home



archive
FEBRUARY 2016
JANUARY 2016
DECEMBER 2015
MARCH 2015
FEBRUARY 2015
DECEMBER 2014
NOVEMBER 2014
SEPTEMBER 2014
JULY 2014
JUNE 2014
APRIL 2014
MARCH 2014
JANUARY 2014
DECEMBER 2013
MAY 2013
APRIL 2013
MARCH 2013
FEBRUARY 2013
JANUARY 2013
DECEMBER 2012
AUGUST 2012
JUNE 2012
MAY 2012
APRIL 2012
MARCH 2012
FEBRUARY 2012
DECEMBER 2011
OCTOBER 2011
APRIL 2011
MARCH 2011
DECEMBER 2010
NOVEMBER 2010
JULY 2010
JUNE 2010
MAY 2010
FEBRUARY 2010
OCTOBER 2009
JUNE 2009
MAY 2009
APRIL 2009
MARCH 2009
NOVEMBER 2008
SEPTEMBER 2008
AUGUST 2008
JULY 2008
MAY 2008
APRIL 2008
MARCH 2008
FEBRUARY 2008
JANUARY 2008
DECEMBER 2007
NOVEMBER 2007
OCTOBER 2007
SEPTEMBER 2007
MAY 2007
APRIL 2007
MARCH 2007
DECEMBER 2006
NOVEMBER 2006
OCTOBER 2006
SEPTEMBER 2006
JULY 2006
JUNE 2006
MAY 2006
APRIL 2006



:: CANDO XA NON HAI A ONDE IR, VAISE AO RIDÍCULO
February 12, 2016
:: A HISTORIA DO TOURO FERDINANDO
January 31, 2016
:: NA OUTRA BEIRA DAS AUGAS GRANDES
December 01, 2015
:: O CLAN DE GRANDA (II)
March 01, 2015
:: SOMOS NÓS OU NON SOMOS
February 23, 2015






Diccionario da Real Academia Galega




Mandar a un/unha amigo/a



Para seguir este blog



administrador










| © 2006-2009 Xabier P. DoCampo |