Desde a inmobilidade á que me vexo obrigado (na fotografía, que tanto me fai lembrar ao avó Cebolleta de Vázquez, a única vez na que decidín ba
ixar as escaleiras para tomar un pouco o sol, a experiencia foi suficientemente traballosa como para non repetila), vou continuar a falar da rodaxe e das persoas que a fixeron posíbel.
É unha grave inxustiza esquecer a unha soa persoa das que interveñen neste traballo dada a grande dependencia que o todo ten de cada membro do equipo, e son varios os grupos técnicos dos que aínda non falei: os “eléctricos” (curiosa forma universal de lles chamar!) ao fronte dos que está o moi competente José Luis Torrecilla Gómez "Torre" (de ascendencia galega por parte dunha súa avoa), home cheo de sabedoría e arte, capaz de saber o que se precisa para iluminar debidamente unha escena cun atender a un pequeno aceno ou a unha palabra besbellada polo director de fotografía. Con el David Melero, José Manuel Rubido Garrote, Manuel Núñez Romaniega e Óscar Pérez Rodríguez.
O xefe de maquinistas Carlos López Alonso, experimentado traballador do medio que olla a miña situación de xubilado con certa esperanza, e o maquinista Óscar Vázquez Sánchez, ambos moi perto da cámara sempre para que se mova con suavidade e xusteza.
Á fronte do equipo de son está Alberto Beade, enxeñeiro de son. Home silencioso que se move sen que se note a súa presenza pero que permanece atento ao máis pequeno ruidiño que poida manchar o que debe ficar rexistrado. Axúdanlle con eficacia o microfonista (que deberá manterse por grandes espazos de tempo nas máis incómodas posturas) Miguel Bretal e o axudante de son Alberto Castro.
A maquillaxe é responsabilidade de Susana Veira e con ela colaboran Carol Varela (con bolboretas no pelo) e, na perrucaría, Erea Pérez.
A responsabilidade no tocante ao vestiario correspondeu aos figurinistas Lola Dapena e Alicia Fernández Dapena, axudadas por María Porto e José Martínez Fernández.
No departamento de Arte, dirixido por Rodrigo Roel, estaba a rexedora, Ester de la Iglesia e os astrecistas Eurico de la Peña e Andrés López "Andy", intelixentes, cheos de recursos profesionais e entrañábeis no afecto.
Condutores (entre eles Santiago Otero Mateo, que levaba o camión de maquillaxe e verstiario), auxiliares e meritorios (que corren e curran) e algún que deixo para máis adiante por razóns de achegamento persoal … un mundo de xente para facer posíbel esta loucura marabillosa que é unha película. Para todos vai a miña admiración e o meu agradecemento.
Na próxima semana comezarei a falarvos dos actores e actrices que deron vida ás personaxes da historia... e algunha cousa d'O Listo.

















