Inicio Bibliografía Enlaces
Blog
Biografía
Contacto
 

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.


JULY 2008


July, 2008
A CASA DA LUZ, O FILME (VI)


Hoxe foi o primeiro día de rodaxe en Betanzos. Para a película armouse un mercado cos seus postos de venda, cos seus compradores, coa xente que pasa… e con Pumariño coa súa carretilla e os nenos que o seguen ao axexo. Fixéronse, no tempo que eu estiven na rodaxe pola tarde, planos desde unha grúa nun traveling  de como os nenos seguían, ao escuso, a Pumariño, e un par de fermosos planos desde o campanario da igrexa de Santa María de Azougue, porque o mercado estaba na praciña que está alí, diante do adro da igrexa.

Un dos traballos máis decisivos dun filme é sempre o do Director de Fotografía. Del depende cada un dos fotogramas que vemos na pantalla. Ven ser coma un codirector da película.

O Director de Fotografía d’A casa da luz é Alfonso Parra, un home cun curriculum e unha experiencia no oficio que lle dá ao filme unha garantía da que podemos agardar un traballo de gran calidade. Pero ademais eu tiven a oportunidade de ver ese traballo e teño que dicir aquí, que me fascinaron os seus encadres. Moitos dos planos terán unha composición visual dunha altura digna dun cadro. Pero a mestría de Alfonso nótase tamén na economía coa que introduce eses planos de escollida factura, fuxindo así dun esteticismo que desvalorizaría eses mesmo encadres. É moi importante o coidao visual dunha película, é xustamente nel no que se sustentan todas as posibilidades narrativas dun filme. Poderíamos dicir que Alfonso colabora con Carlos Amil, o director da película, escribindo con boa letra as imaxes para que o espectador a poida ler con gusto e con comodidade. O gusto dáo con eses encadres de especial beleza, a comodidade coa altura media da fotografía do filme.

Colaboran con el Ramiro Sabell, Axudante de Cámara e Saúl Oliveira, Técnico de Vídeo e Auxiliar de Cámara (na foto Saúl é o da esquerda e Ramiro o da dereita). Sen eles non sería posíbel o traballo do Director de Fotografía. Ambos teñen un historial profesional que marca a súa experiencia aínda sendo, como son ámbolos dous, homes novos.

O Listo onte pasou un bon día, non o vin até a hora de me marchar, que o levaban no colo, non sei por que razón, porque dado que o condenado ten unha debilidade especial polo licor-café e non perdoa unha copiña despois de cada comida nin outra antes de se deitar, non sei en que estado estaría cando o levaban, non puiden comprobalo de perto.

A semana que vén vou andar algo apurado para dar feito dous post neste blog, téñenme moitas cousas enleado... A ver como fago...



posted by Xabier, July 31, 2008 16:07 | permalink | General

A CASA DA LUZ, O FILME (V)


Onte fun á rodaxe pola tarde e fiquei co equipo para contarlles  uns contos á noite, cousa que carecería de importancia e interese a non ser polo cariño co que me agasallaron todos e todas.

Pola tarde na Carballeira de Baio rodáronse planos dunha secuencia na que os nenos se enfrontan ao capitán, papel que interpreta Manuel Millán coa acostumbrada brillante eficacia deste magnífico actor galego. Os seus diálogos con Alicia van resultar unha delicia para os espectadores, tanto cando a observa de pé, como cando descende á altura da nena para enfrontarlle o rostro. Os negros servidores do capitán arrodean e ameazan aos nenos ás ordes do capitán mentres Pumariño observa todo desde a distancia que o seu sentidiño lle permite.

Todo isto faise, coma as outras cousas, tal e como Carlos Amil (aquí retratado en postura ─que non pose─ de director daqueles que enchen os nosos recordos de cinéfilos), Director deste filme ten pensado e vai expresando. Pero coa axuda de dous colaboradores sen os que nada sería posíbel neste filme.

Federico Untermann, bonaerense de Martínez, que non é persoa ─Martínez, non Federico que si é gran persoa─ senón localidade do norte de El Gran Buenos Aires e nas beiras do Río de la Plata. É o Primeiro Axudante de Dirección (na foto está metido no río por motivos da rodaxe e non porque andase ás troitas). Home de grande experiencia no seu oficio a pesar da súa aínda pouca idade, encárgase de que cada plano se organice segundo os desexos do director; será el tamén o que haberá de dar esas voces, xa míticas nas rodaxes de cinema: Motor! Acción! (aínda que el di Acsión! por mor do seu xeito de falar). Traballa incasabelmente e o sol vai marcando no seu rostro o perfil dos lentes escuros cos que se protexe dos excesos lumínicos.

O Segundo Axudante de Direción é Jorge Vega. Del depende que todo estea listo para que se poida rodar, o de cada día presente e o dos próximos días. A el tócalle ir trasmitindo as necesidades que o director lle manifesta, e por tanto tamén os trasacordos que se lle ocorren, polo que o seu papel, ás veces, non é moi bonito. É un home silencioso, a imaxe que me vai quedar del é a dunha persoa que fala baixiño, confidencialmente. Cando te saúda ofréceche un sorriso que te acolle, inmediatamente velo desaparecer nas súas arelas de cada momento.

Non vin ao can, pero souben que a seu avó chamábanlle O Listo porque, tendo a súa morada no fondo de Moeche, todas as vésperas de feira collía camiño cara a San  Ramón para estar ás lambiscadas. Como raio sabía o condenado do can que para o outro día, que me parece lembrar que cadraba a cada 11 e 23 do mes, había feira?  Sabía ler o calendario? Que sexa como queira, non é raro que lle chamaran dese xeito que chegou até este neto que agora anda pola rodaxe d'A casa da luz.

 


posted by Xabier, July 29, 2008 14:22 | permalink | General

A CASA DA LUZ, O FILME (IV)


Outro día máis na rodaxe. Como este xoves apareceu entre chuviscas e orballos, a rodaxe trasladouse ao que alí se lle chama o cover-set, que é o xeito de dicir que se traballaba nun decorado a cuberto, cousa sensata cando chove.

Tratábase do cuarto que Pumariño ten na Casa da Luz. A secuencia correspondía ao momento no que os rapaces descobren ese lugar cheo de sorpresas, nas que se enxerga algo do enigma que encerra o corazón grande e xeneroso de Pumariño. Ese home que lle roubei ás miñas lembranzas de infancia, onde gardaba os moitos toliños que me tocou coñecer. Persoas bondadosas, amigas dos nenos cos que tiñan alentos de complicidade, porque comparten a inocencia como lugar de encontro dos corazóns e das ledicias.

Onte emocionoume dun xeito especial observar como Xosé Manuel Olveira, “Pico”, (o da foto) o actor que interpreta o papel de Pumariño, se dirixía aos nenos e nenas que interpretan aos rapaces da película cunha delicadeza e cun cariño especiais, e dáballes polo baixiño os máis atinados consellos para a interpretación dos seus papeis, facíao coa grandeza dos grandes profesionais e coa humildade das boas persoas. A min fíxome lembrar o que se conta do actor americano Robert Mitchun que na rodaxe desa obra mestra que é A noite do cazadorera el, xa unha grande estrela do cinema, o que atendía e axudaba aos pequenos actores Billy Chapin e Sally Jane Bruce que intepretaban a Joan e Pearl, os fillos de Willa Harper (Shelley Winters). Facíao porque o director, o xenial Charles Laughtonparece ser que era un individuo desgrabábel que, ou ben os ignoraba ou tratábaos con aceda actitude. Benzóns para o amigo Pico (máis adiante falarei del e do seu traballo con máis extensión) que onte confirmei que grande home es.

Onte estiveron na rodaxe Manuel Bragado, director de Edicións Xerais e Celia Torres, Directora de Promoción desta editora, que foi a que publicou a edición orixinal en galego desta novela. Polo que me dixeron, esta visita foi unha interesante experiencia para eles. Eu agradézolles moito a súa presenza e os seus alentos.

A quen non vin onte foi ao can. Puiden saber que o nome non lle ven tanto pola súa listura, máis ben é pola dun seu antepasado, que ese si que era listo.

 



posted by Xabier, July 25, 2008 13:15 | permalink | General

A CASA DA LUZ, O FILME (III)


Novamente na rodaxe. Hoxe na Cidá de Borneiro. Os nenos agáchanse dos gardas dentro dunha das construcións castrexas. Están ao acubillo no que se gardaban, hai 2.500 anos, aqueles homes, mulleres e nenos que habitaban daquela este lugar, gardado por unha fortificación que ben se ve aínda. Na foto os cinco rapaces agardan que todo estea listo para rodar; ao fondo dous soldados do Señor da Torre reciben instrucións do que terán que facer na secuencia.

Hai demasiado movemento agora coa rodaxe como para a reflexión, pero o que non deixa de traballar é a imaxinación, para traer a nós aquelas xentes e as súas arelas, que non eran máis cas do seu propio coidado. O futuro era o hoxe, todo máis lonxe mañá, porque até o fillos eran só o presente de velos medrar sen lles andar a facer planes de vida. Cada día tiña a súa arela, esa era a poesía da súa vida, como di Celso Emilio Ferreiro: “Investiga a verdade do teu tempo / i alcontrarás a túa poesía.”

Tamén quero ir falando aquí das persoas que fan posíbel que funcione a máquina dos soños. Principiarei polos dous máximos responsábeis de producion, deixando á marxe ao Produtor (con maiúsculas), Xosé Xoán Cabanas Cao, do que xa falei.

Trátase de José Luis Jiménez (Ávila, 1965), Director de produción e Nerea Orce, Xefa de produción.

Nas fotografías está claro quen é Nerea; pois ben, José Luis é o da esquerda da outra foto, o da dereita é Jorge, que lle tocará outro día.

Os dous son os responsábeis de que todo isto da rodaxe sexa posíbel. Grávase porque eles fixeron o seu traballo; cómese porque se encargaron de procurar onde e que; dórmese porque se ten sono, pero foron eles os que deron cunha cama para cadaquén… Todo canto por alí anda a bulir ou permanece en repouso, estivo antes nas súas arelas…

Ambos son xente competente e (polo menos comigo) de moi agradábel trato Ollen un chisco a cara de Nerea e contenme que lles di... Ademais José Luis Jiménez é un teimoso blogueiro. Nos seus variados blogues podedes ver os seus escritos, a súa selección de curtas… E tamén vos aconsello ver El proyecto, unha magnífica e sorprendente curtametraxe que escribiu e dirixiu… con dirección de produción de Nerea Orce.

Tamén andaba por alí o can. Xa sei algo máis: chámase O  Listo e veu de Moeche. Seguirei pescudando e contando. O xoves volverei.

Saudiña para todos e todas.



posted by Xabier, July 21, 2008 14:51 | permalink | General

A CASA DA LUZ, O FILME (II)


Hoxe volvín á rodaxe. Xa o tiña previsto así, pero a maiores onte chamoume Jorge Vega (2º axudante de dirección) porque Carlos quería que estivese de figurante nunha secuencia que se rodaba na carballeira. Estou sentado ao pé dun carballo escribindo isto no meu caderniño de apuntamentos. Nin ergo a cabeza nin miro á cámara nin aos rapaces, que pasa por diante de min brincando.

Cando cheguei estiven a falar con Carlos (nesta semana compartimos palabra sobre o filme en aqlgúns medios) que está entusiasmado case con todo: os planos rodados, o traballo de actores e actrices, a fotografía… Moito me aleda velo así.

Estase estes días a rodar na carballeira de Baio (mágoa non estar onte, onde saía un cabalo de cores, pero, en fin, xa o veremos na peli).

A carballeira merece unha atención especial. Non é moi grande (chegará aos quince ferrados? Non sei). Os carballos foron sucesivamente podados para que formasen cubrición sobre do terreo. Isto produciulles uns torcementos e retorcementos a todos os xeitos, que os fixo vir dar nunha paisaxe fantasmagórica. Coma de seres sufrintes ou almas atormentadas que se substancia nunha beleza extraordinaria chea de estraño magnetismo.

Como teño que permanecer aquí sentado e escribindo por mor das múltiples repeticións do plano, venme á memoria unha carballeira, aló na Terra Chá, en Vilapene (pronúnciese cos és pechados para que a fonética emparente o nome da parroquia co seu verdadeiro étimo, pinna (=pedra grande e elevada que sobresae da terra) e non co, tamén latino, pene (=órgano sexual e urinario masculino) que se pronuncia con é aberto). Quería dicir que eu pasei máis dunha vez tal carballeira na miña infancia estarrecido de medo e agora, nesta, vénseme aquela á memoria. En fin, o que Uxío Novoneira dicía: "O tempo quedo que corre / i os soños que volven." Porque aquí, no medio do rebumbio da rodaxe, hai un paso quedo do tempo que pon a carballeira, porque o seu ser natural pode con calquera artificio. Por igual prodixio da Natureza cantaron os carboeiros e os ferreiriños toda a mañá, alleos á nosa presenza.

Por entre os chíos, após do “silencio, rodamos!”, chégame a voz de Gustavo Pernas falando desde o Duarte que se lle meteu dentro. Eu sigo aquí, sentado contra este carballo, escribindo.

Até que se escoita: “Paramos para o bocadillo”. Érgome, por fin, e vou compartir con todos a parva. (Na foto un grupiño de xente do equipo fai unha alimentación franciscana. Sandra érguese a botar un café, e párteme a foto en dúas).

Nova xeira de rodaxe: son os planos que completan a secuencia. Párase para xantar, coma sempre, en Casa Cruz de Baio.

Regreso á casa para escribir este post.

Volverei á rodaxe o luns. Sentín hoxe falar dun can moi listo que anda por alí, pero aínda teño que saber máis. Segundo vaia coñecendo do tal can, xa contarei.  No próximo post estou seguro que hei ter xa algún dato de interese.

Saúde e películas, como di Carlos Amil.



posted by Xabier, July 17, 2008 13:45 | permalink | General

A CASA DA LUZ, O FILME (I)


Contra as dúas da tarde de hoxe, dia 14 de xullo, deu a primeira volta o beo (agora é un botón ao que lle premen). Daquela mesmo, e á orde de C. Amil, Federico Untermann, o axudante de dirección, mandou silencio e berrou: ACCIÓN!

Alba (nome da personaxe) camiñaba á par do raíl pólo que se deslizaba a cámara que gobernaba Alfonso Parra, o director de fotografía (irei escribindo de toda esta xente, de quen é, do que fai ─porque algúns son xente moi importante na súa arte─, pero mais adiante), e descubría algo que lle producía un grande abraio emocionado e preocupante.

Nun día de sol (a min púxoseme o nariz algo avermellado) e ceo azul, A casa da luz comeza a súa andaina en imaxes, agora a historia nace noutra linguaxe, porque as obras, por moi narrativas que elas sexan, fanse arte na linguaxe. O contalas é o que as fai literatura ou cinema ou teatro... linguaxes distintas, ás veces, para unha mesma historia.

Un equipo de cincuenta persoas bule pólo campeiro no que se roda o primeiro plano. Camións, focos, paraugas, xeneradores eléctricos... ocupan coma un campamento circense as beiras do rio. Un continuo comunicarse por pequenas emisoras portátiles que soan coma carricantas, forma bloque de contradición cós berros que ordenan silencio.

Nalgúns ollos nótase a emoción do momento (seguramente nos meus tamén), dese intre de principiar un labor conxunto que dependerá do bon facer e do sentido da responsabilidade de cadaquén.

Éncheme un sentimento de profundo respecto polas xentes do cinema, estes que traballan n’A casa da luz e todos cantos o fan no mundo enteiro, porque son os artífices dun xogo da imaxinación que puxo nos nosos corazóns as máis fermosas historias, as que nos emocionaron até as bágoas agachadas na escuridade das salas. As que alimentaron os nosos soños. As que abriron en nós unha nova ollada, aquela coa que contemplamos o mundo. Grazas meus irmaos do cinema, grazas por seguir a facer esta marabilla escrita coa luz.

Cando me viñen aínda ficaban a traballar, e quedábanlles bastantes horas por diante. Alí quedou o Xosé Cobas, ese irmao pintor que lle dá a esta película un aire visual especial.

Seguirei contando.



posted by Xabier, July 14, 2008 15:35 | permalink | General

[1] 2   [NEXT]  [LAST]
1 - 6 of 7


Meus pais


O tempo na Coruña / Alvedro


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet


blog home



archive
FEBRUARY 2016
JANUARY 2016
DECEMBER 2015
MARCH 2015
FEBRUARY 2015
DECEMBER 2014
NOVEMBER 2014
SEPTEMBER 2014
JULY 2014
JUNE 2014
APRIL 2014
MARCH 2014
JANUARY 2014
DECEMBER 2013
MAY 2013
APRIL 2013
MARCH 2013
FEBRUARY 2013
JANUARY 2013
DECEMBER 2012
AUGUST 2012
JUNE 2012
MAY 2012
APRIL 2012
MARCH 2012
FEBRUARY 2012
DECEMBER 2011
OCTOBER 2011
APRIL 2011
MARCH 2011
DECEMBER 2010
NOVEMBER 2010
JULY 2010
JUNE 2010
MAY 2010
FEBRUARY 2010
OCTOBER 2009
JUNE 2009
MAY 2009
APRIL 2009
MARCH 2009
NOVEMBER 2008
SEPTEMBER 2008
AUGUST 2008
JULY 2008
MAY 2008
APRIL 2008
MARCH 2008
FEBRUARY 2008
JANUARY 2008
DECEMBER 2007
NOVEMBER 2007
OCTOBER 2007
SEPTEMBER 2007
MAY 2007
APRIL 2007
MARCH 2007
DECEMBER 2006
NOVEMBER 2006
OCTOBER 2006
SEPTEMBER 2006
JULY 2006
JUNE 2006
MAY 2006
APRIL 2006



:: CANDO XA NON HAI A ONDE IR, VAISE AO RIDÍCULO
February 12, 2016
:: A HISTORIA DO TOURO FERDINANDO
January 31, 2016
:: NA OUTRA BEIRA DAS AUGAS GRANDES
December 01, 2015
:: O CLAN DE GRANDA (II)
March 01, 2015
:: SOMOS NÓS OU NON SOMOS
February 23, 2015






Diccionario da Real Academia Galega




Mandar a un/unha amigo/a



Para seguir este blog



administrador










| © 2006-2009 Xabier P. DoCampo |