Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.
MAY 2009
May, 2009 ÚLTIMOS DÍAS EN BOS AIRES
Antes de nada debo facer xustiza e referirme ao primeiro post desta miña xeira por Bos Aires, porque alí debera ter dito que ese clube de lectura galega que funciona no Café Tortoni,. debe a súa vida e milagres ao traballo de dúas persoas, Andrea Cobas e Débora Campos, que nel poñen, como dicía o bolero, alma corazón e vida. Benzóns para as dúas.
Os últimos días en Bos Aires foron para o 14º Encuentro Internacional de Narración Oral que se celebra dentro da Feira do LIbro. Eu xa participara nos dos anos 2000 e 2005. Este ano tocáronme catro actos. O prieiro foi unha charla conxunta con Xosé Cobas, da que só podo dicir que este expuxo con sabencia e claridade como se ha descubrir o amplo e fermoso mundo de imaxes que hai nunha narración sexa esta oral ou sexa escrita, que tanto ten.
O día tres tiven que contar cotos, estar nunha mesa redonda e participar no acto de clausura. De todo fun saíndo con ben, máis pola xenerosidade do público que por méritos propios, pero o caso nunha feira é librar a corda.
A noite foi de asado na casa de Juana La Rosa e o seu esposo Raúl, onde gocei da amizade de tantas amigas e amigos que me resulta imposíbel nomealos todos. Son xente do teatro, da narración oral, da litearatura, até algún cantor de tangos... que sempre me distinguiron coa sua amizade e o seu cariño. Benzónspara todas e todos.
O día do regreso, reservábame unha emocionante sorpresa da que falarei nun próximo post, porque así o merece o asunto.
posted by Xabier, May 08, 2009 19:05 | permalink | comments(1) | Xeral MÁIS DESDE BOS AIRES
Un par de días de descanso lévannos a Xosé Cobas a Madame Agá e a min, a Montevideo, para coñecer un pouco a cidade, tan distinta de Bs. As.! Unha cidade vella francamente fermosa, unha xente amábel sen chegar seren landuxos e que é o lugar de nacemento de Madame Agá, fan desta curta estadía, un par de días lindos (como din por acó). O mércores estivemos o Cobas e máis eu no Colexio Santiago Apóstolo de Bos Aires e,. a maiores de sermos recibidos cunha fervenza de cariño por profesores (mención especial a Carlos Brandeiro, cedeirés que nos atenciona coma se fose da Terra Chá) estivemos a falar en galego! cunha morea de rapaces e rapazas de primaria e secundaria. Eu respondín ás súas preguntas sobre do oficio de escribir e sobre da terra que seus trasavós deixaron hai tanto tempo e que eles nunca pisaron aínda. Conteilles algún conto e o Cobas pintou para eles obras primorosas. Supoño que, andando o tempo, moitos deles visitarán a terra dos seus, cando ese día chegue, eu quero que sexan recibidos como o fun eu nesta miña terceira visita a Bos Aires e segunda ao seu colexio. Pola tarde presentación da revista Letras de Galicia e dunha antoloxía de textos dos nosos escritores, unha vez máis aparece a demanda urxente e arelante de que se procure un xeito de que poidan teren acceso doado á literatura feita na nosa lingua... Falaremos máis deste asunto, porque merece moita atención. E isto é todo polo de agora. Como dicía Manuel María, prendo desde aquí unha candeíña por todos os galegos que aquí morreron e outra polos que aínda han morrer.