string(29) "Sat, 16 Feb 13 14:00:00 +0100" string(10) "1361019600" string(29) "Sat, 16 Feb 13 14:00:00 +0100" string(10) "1361019600" April 2013 « O blog de Xabier P. doCampo
Inicio Bibliografía Enlaces
Blog
Biografía
Contacto
 

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.


APRIL 2013


April, 2013
A LIMPEZA DA CHEMINEA


Teño que limpar a cheminea, na miña infancia case todas a semanas pegaba o lume nalgunha por non limpala. Daquela enchías un saco de folla de millo e atábaslle unha corda que mandabas pola cheminea abaixo. Deixabas o saco abocado, desde embaixo tirabas pola corda e o saco ía facendo a limpeza. Iso si, enchías a casa de feluxe e ti quedabas coma Antonio Machín (o peor de lavar eran as voltas das orellas).

Hoxe en día xa se usan aspiradores para que a cousa sexa menos custosa de soportar, así que chamei a uns especialistas, Cide Chimeneas, e non só me responderon en galego con gusto, senón que teñen a súa web en galego (non só se pode escoller entre galego e castelán, senón que detecta a lingua do teu navegador e se o tes en galego, como é o meu caso, xa che sae directamente en galego). 

Poño isto aquí porque é ben que saibamos destas cousas (sei que hai máis casos e debemos facelos públicos)  e, á hora de escoller os nosos fornecedores de servizos, valoremos máis aos que son nosos e se comportan como tales fronte aos alleos ou os que se comportan coma se o fosen.



posted by Xabier, April 24, 2013 12:31 | permalink | Xeral

DÍA DO LIBRO 2113


Hoxe é o Día do LIbro, non o podo deixar pasar sen pór aquí algo que me dea a sensación de festexalo. Por iso copio aquí unha das Catro cartas do meu libro dese mesmo título. Unha carta coa que quero dicir que polo medio do amor tamén andan os libros.

Carta á amada

Querida:  Non che é ningún desatino que che escriba unha carta, porque todo canto escribín sempre foi coma unha carta dirixida a ti. Ademais era unha carta con trampa, eu podía expiar a túa cara mentres a lías. Ti nunca estiveches lonxe, porque sempre estabas a tan curta distancia que podía ver os teus ollos ou tocarche coa miña man. Podo escoitar a túa palabra e podo inventar a palabra que desexas para regalarcha coma o mellor agasallo.

Estou convencido de que son as palabras o que máis nos une. Ti sabes que sempre digo que contar un conto é o máis sublime acto de amor que se pode ofrecer a un ser querido. Os amantes cóntanse contos para que o amor habite entre eles e nunca os abandone. É o máis potente esconxuro para espantar canto meigallo se poida facer para destruír o amor. ¿Contaba contos Sherezade cada noite para esconxurar a morte? Non. Facíao para engaiolar ao rei Sahriyar na rede da palabra. Artellou aquel sarillo dos contos para que o amor fose agromando no seu corazón . Para ela a morte era o desamor daquel home que pouco a pouco foi presa da palabra e por ela, pola palabra, metéuselle dentro aquela muller que era coma a dona de todas as palabras.

Pois xa ves, ti e máis eu igual. As palabras foron o noso acubillo máis dondo e amable. Nel sentímonos tan a gusto que xa non queremos saír. ¡Cantas palabras lle roubei á literatura para levarchas a ti como quen leva unha ofrenda valiosa a un altar! ¡Cantos poetas me prestaron as palabras que máis me emocionaban para emocionarte! Iso é a literatura: unha emoción compartida.  Que fermoso xogo de entendementos e complicidades foi a man que nos tendimos un ao outro, levando nela o libro que contiña as palabras que nos queríamos dicir.

Os libros foron un lugar de encontro ao que íamos procurándonos. Até o punto de amalos como obxectos fermosos. Verte tocar un libro, ollar como lle pasas a man pola capa, moi de vagariño. Con suavidade. Era coma ver a túa man cando me acariñas.  Pensaba, así camiñan as túas mans pola miña pel. Despois tocábao eu e era coma ler a túa caricia.

E entón quixen ser escritor para entregarche as miñas palabras, aquelas que eu inventaba só para ti. E en todos estes anos conseguín escribir unhas poucas liñas que che vin ler con emoción, a mesma emoción que me apertaba a alma e que atrancaba a miña gorxa ao escribilas. Unha nova emoción compartida. Outra vez a literatura. O engado das palabras.

E aquí andamos. Seguimos no camiño, apañando as palabras fermosas. Dentro de pouco as nosas mans, esas que acariñan as capas dos libros, as mesmas que se tocan e se procuran mentres lemos un poema en voz alta, estas coas que nos ofrecemos as palabras encerradas nun libro, comezarán a amosar as manchas que nos avisan de que se esgota o tempo. Seguiremos a pro-urar palabras novas e estou seguro de que nese momento seremos máis xenerosos que nunca ao compartilas. E seguirei a desexar tocarche. E chegar onda ti estás e bicarche os pés, porque, dito tamén agora con palabras prestadas, debaixo dos teus pés está o paraíso. Quérote.



posted by Xabier, April 23, 2013 17:00 | permalink | Xeral

1 - 2 of 2


Meus pais


O tempo na Coruña / Alvedro


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet


blog home



archive
MAY 2017
MARCH 2017
JANUARY 2017
NOVEMBER 2016
OCTOBER 2016
JUNE 2016
APRIL 2016
FEBRUARY 2016
JANUARY 2016
DECEMBER 2015
MAY 2015
MARCH 2015
FEBRUARY 2015
DECEMBER 2014
NOVEMBER 2014
SEPTEMBER 2014
JULY 2014
JUNE 2014
APRIL 2014
MARCH 2014
JANUARY 2014
DECEMBER 2013
MAY 2013
APRIL 2013
MARCH 2013
FEBRUARY 2013
JANUARY 2013
DECEMBER 2012
AUGUST 2012
JUNE 2012
MAY 2012
APRIL 2012
MARCH 2012
FEBRUARY 2012
DECEMBER 2011
OCTOBER 2011
APRIL 2011
MARCH 2011
DECEMBER 2010
NOVEMBER 2010
JULY 2010
JUNE 2010
MAY 2010
FEBRUARY 2010
OCTOBER 2009
JUNE 2009
MAY 2009
APRIL 2009
MARCH 2009
NOVEMBER 2008
SEPTEMBER 2008
AUGUST 2008
JULY 2008
MAY 2008
APRIL 2008
MARCH 2008
FEBRUARY 2008
JANUARY 2008
DECEMBER 2007
NOVEMBER 2007
OCTOBER 2007
SEPTEMBER 2007
MAY 2007
APRIL 2007
MARCH 2007
DECEMBER 2006
NOVEMBER 2006
OCTOBER 2006
SEPTEMBER 2006
JULY 2006
JUNE 2006
MAY 2006
APRIL 2006



:: A CHORIMA, A FLOR DAS NOSAS LETRAS
May 12, 2017
:: Ilusionista Martín Varela. SERENDIPIA
March 05, 2017
:: MIMOSAS un filme de Oliver Laxe
January 06, 2017
:: UNHA LEMBRANZA DAQUEL PRIMEIRO DE ANO DE 1959
November 26, 2016
:: UNHA ÚLTIMA CARTA
November 16, 2016






Diccionario da Real Academia Galega




Mandar a un/unha amigo/a



Para seguir este blog



administrador










| © 2006-2009 Xabier P. DoCampo |