Inicio Bibliografía Enlaces
Blog
Biografía
Contacto
 

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.


APRIL 2006


April, 2006
Sobre blogues e literatura


Adolfo da Prada, ao pouco de se ordenar crego e nunha xuntanza con compañeiros, non sei se por mor duns exercicios espirituais, comentoulle ao seu condiscípulo Abelardo de Sendes a súas inquietudes por entender que os fregueses, no entanto dos seus sermóns, parecían distraídos e pouco interesados no que lles dicía.

–Por máis que preparo e preparo as homilías, véxoos ensimesmados nas súas propias preocupacións, nas súas arelas e asuntos.

–E de que lles falas? –preguntoulle Abelardo.

–Do evanxeo, de Cristo, da Virxe Santísima...

–Fálalles deles, Abelardo, que iso é o que queren oír. A xente interesase cando o que escoita trata deles, non de ti.

Veume isto á memoria onte cando falaba cun bon amigo, blogueiro competente e premiado, deste fenómeno dos blogues (poderíamos dicir así?), conversa que deu no tema da literatura, porque todo canto se di, e moito máis o que se escribe, ten vocación de se converter en literatura, todo, e nomeadamente os blogues.

Pero non deixo de verlles unha eiva a moitos destes entes textuais: teñen unha perigosa tendencia á autocomplacencia, ao embiguismo temático, con razón piden seren analizados como literatura diarística.

A literatura interesa e interesou á humanidade por séculos, tendo como ten unha aparencia moi clara de innecesaria, porque o que a distingue é a capacidade de lle falar ao lector (ou ao que escoitaba unha narración oral) de si mesmo. Imos á literatura procurándonos, agardando encontrar vieiros que nos axuden a camiñar por nós mesmos.

Esa é a esencia da literatura, o que fai dela algo útil, necesario, imprescindíbel e que nunca desaparecerá, porque nos fai, nos des-fai e nos re-fai, nos forma, nos re-forma e nos trans-forma. É literatura non polo que di, senón polo que di de min. E isto é así en todo tipo de literatura, mesmo na chamada do eu, na dos diarios e dietarios, pensemos qué diarios temos por máis literarios: Gide, Amiel, Lichtenberg, Renard... Obras para seren lidas desde a suxeitividade do lector.

Non nego a vocación literaria dos blogues, estaría eu tolo se tal fixera, só digo que en moitos deles abunda un exceso de eu do autor (e aínda por riba os autores temos un eu grande coma unha máquina do tren) que pexa gravemente esa procura da literatura na que andan todos os textos que se conteñen nesas plataformas, esquecendo aquilo que dixo o mestre da narratoloxía, Gerard Genette, que un texto sexa ou non literario non dependerá do texto en si, senón de que o lector lle outorgue esa cualidade ao consideralo como tal, e só o fará, engado eu, cando sinta que lle atinxe, que lle di cousas de si mesmo.

Só por ese camiño podería Adolfo da Porta lograr que os fregueses tomasen por literarios os seus sermóns: cando ao escoitalos sentisen que trataban deles.



posted by Xabier, April 22, 2006 14:25 | permalink | General

Aquí me teñen vostedes...


Aquí me teñen vostedes...

Este espazo recibino como agasallo das mans xenerosas dunha amiga que ten o fermoso vezo de espiar os corazóns humanos. Só un sentimento de obriga, de gran agradecemento poderá atopar cando espíe a miña víscera cos seus ollos “garzos, leonados, verdes coma auga do mar”.

Agora tócame a min enchelo de cada pouco de ocorrencias. Este será o meu máis grande problema. Sempre tiven para min que isto de ter unha páxina web ou escribir un blog, tiña moito que ver coa vaidade que adoita adornar aos do meu oficio e nunca me sentín atraído por semellante cousa, agora que a miña amiga se encargou de ma fornecer, o meu sentimento é distinto, ando moi perto de estar contento con ela (ergo, son moito máis vaidoso do que eu mesmo pensaba).

Que irei eu vertendo neste lugar que se me presenta coma un anaco de terra para cultivar? Podería convertelo nunha frondosa fraga que me sobreviva. Tamén podo tentar facer del unha agra de pan centeo que a alguén alimente. Mágoa que estas posibilidades, ambas e dúas, se me fagan camiño intransitábel.  Nin teño desexos de deixar lembranza que se emparente coa ansia de inmortalidade, ese pavoneo  que adobía de ridículo tantos dicires e faceres, nin creo que as miñas palabras sexan complexos vitamínicos ou comprimidos de proteínas...

Así que desde aquí, desde este lugar que se abre ao meu dispor, serei o que máis me gusta ser: contador de historias, facedor de artificios lingüísticos que non son máis que sombras do mundo que pasa por diante desta caverna na que habito ollando para o fondo, de costas á entrada por diante da que din que vai pasando a realidade, por iso me chaman louco os que me escoitan dicir que aspiro a facer a realidade non a copiala.

Sexa eu, pois, benvido a este utopos e vostedes sexan (e serán) ben achados nel para sempre.



posted by Xabier, April 13, 2006 6:54 | permalink | General

Dúas palabras sobre o autor


A miña biografía redúcese a aquelas cousas que se poñen adoito nos curricula que a un lle piden a calquera hora... Iso significa deixar fóra da miña biografía todo canto de verdade fixo de min o que son... por iso quero poñer aquí unha parte pequena do que fica fóra de calquera curriculum e que escribín cando, para o epílogo dun libro, me pediron "Dúas palabras sobre o autor"

[Febreiro, 2004]

Xabier P. Docampo, fíxose escritor porque ten memoria de sí e dos seus. Porque habita a lingua e a infancia, as dúas patrias do ser humano. E cando lle preguntan polas súas lembranzas bota a falar e non para...

Os meus primeiros recordos, aquelas lembranzas que se escribiron no meu corazón coma as gozosas cicatrices dun ferro quente, son dun pai muiñeiro, coa pucha enfariñada.

Aquel muíño na beira do Lea que daba voltas mentres meu pai ía baleirando sacos de trigo subido ao alto.

A cociña da casa, co pai contando historias ou a mai contando contos mentres debullaba un cesto de fabas.

Os veciños que viñan escoitar ou contar tamén os seus sucedidos ou xogar á birisca.

O sobrado coa miña cama e, enfronte, o cuarto dos meus pais.

Cando a Maruxa choraba recén nacida e a min semellábame un gato. Cando estiven disposto a entregar a pequena a miña tía Florentina que me dixo se lla daba.

O Tomás e máis eu cargados de pezas de bicicletas traídas do taller do tío Henrique, que eran o máis bonito tesouro que nunca tiveramos até daquela.

Os días da feira de Castro, coas cestas de pan de Mondoñedo. Moletes brancos coma a luz do sol.

Cando os reis me trouxeron un cabalo de cartón tan grande que lle pillei medo e non ousaba achegarme a el.

A escola, pero especialmente o camiño, que era moito máis bonito. O día que naquel camiño me cantou o cuco. Un home díxome que se sentira o canto e non almorzara entón o cuco acababa de me capar. Como eu estaba en xebre doínme o día enteiro de ter perdida a virilidade aos seis anos. Miña mai non aproveitou aquilo para me meter medo e que eu non volvese a fuxir sen tomar o almorzo, senón que me explicou con moi cariñosas e bonitas palabras que era mentira o da capadura do cuco.

O meu curmán Suso, traste con todo e con todos agás comigo, que era só amor e dozura.

A outra casa, a da Feira do Monte, a dos padriños, que tiña un corredor longo.

O padriño zapateiro que me ensinou o oficio e o orgullo das cousas ben feitas e rematadiñas. Tamén me ensinou o uso da retranca coma arma dialéctica.

O turrón, as pasas, os figos e as granadas da Noiteboa.

Cando o Tomás e máis eu calcabamos paxariños dunha enciclopedia e despois de recortalos, inventabamos historias con eles. Ao rematar gardábamolos nunha caixa dos mistos.

A máquina de cine que nos trouxeron os reis ao Tomás e a min en parcería. Películas de papel cebola e entrada a patacón. Ao Xoán Xosé trouxéranlle un tren para el só, pero tiña pouca gracia: non facía máis que dar voltas en círculo até que se lle acababa a corda. Era moito mellor a máquina do cine.

Aos poucos días a Maruxa choraba porque o Tomás e máis eu abríramos en canal a boneca para ver cómo era o artiluxio que a facía chorar cando a abaneaba de atrás para adiante. Meu pai volveuna amañar e vestida non se lle notaba, aínda que o choro ficou algo rouco.

As películas do cine do Jorge, que despois de velas volvíamos a contalas.

Os primeiros tebeos que me lía o Tomás dicindo antes de ler cada globo: "Di este..."

A Marina, que estaba toliña e xogaba con nós á baralla. De cando en vez arreábanos unha labazada que sempre nos pillaba de sorpresa. Dábaas moi fortes e atinaba moi ben, pero a nós dábanos a risa. Só lle obedecía ao Xoán Xosé, aos outros non nos facía caso ningún, e el ía procurala cando fuxía da casa.

Traía pola man.

O Visito, que falaba castelán. Tiña unha filla que era a mellor amiga do Xoán Xosé.

O señor Manuel, o Balsa, que era para nós un berce de cariño e de amabilidade, pero non nos quería diante cando se enfadaba, porque daquela xuraba e botábanos fóra para non nos dar mal exemplo.

As merendas no río do Folín cando a madriña ía lavar a roupa das camas e deixábanos bañar no caneiro.

Ir ao grao de corvo polo medio do centeo. Gardábamolo nun bote de pementos.

A primeira vez que vimos o mar. Entrando na ría da Coruña. Viñemos todo o camiño a correr polo tren adiante, pero os catro ficamos silenciosos ao ver aquilo.

...



posted by Xabier, April 04, 2006 19:28 | permalink | General

1 - 3 of 3


Meus pais


O tempo na Coruña / Alvedro


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet


blog home



archive
FEBRUARY 2016
JANUARY 2016
DECEMBER 2015
MARCH 2015
FEBRUARY 2015
DECEMBER 2014
NOVEMBER 2014
SEPTEMBER 2014
JULY 2014
JUNE 2014
APRIL 2014
MARCH 2014
JANUARY 2014
DECEMBER 2013
MAY 2013
APRIL 2013
MARCH 2013
FEBRUARY 2013
JANUARY 2013
DECEMBER 2012
AUGUST 2012
JUNE 2012
MAY 2012
APRIL 2012
MARCH 2012
FEBRUARY 2012
DECEMBER 2011
OCTOBER 2011
APRIL 2011
MARCH 2011
DECEMBER 2010
NOVEMBER 2010
JULY 2010
JUNE 2010
MAY 2010
FEBRUARY 2010
OCTOBER 2009
JUNE 2009
MAY 2009
APRIL 2009
MARCH 2009
NOVEMBER 2008
SEPTEMBER 2008
AUGUST 2008
JULY 2008
MAY 2008
APRIL 2008
MARCH 2008
FEBRUARY 2008
JANUARY 2008
DECEMBER 2007
NOVEMBER 2007
OCTOBER 2007
SEPTEMBER 2007
MAY 2007
APRIL 2007
MARCH 2007
DECEMBER 2006
NOVEMBER 2006
OCTOBER 2006
SEPTEMBER 2006
JULY 2006
JUNE 2006
MAY 2006
APRIL 2006



:: CANDO XA NON HAI A ONDE IR, VAISE AO RIDÍCULO
February 12, 2016
:: A HISTORIA DO TOURO FERDINANDO
January 31, 2016
:: NA OUTRA BEIRA DAS AUGAS GRANDES
December 01, 2015
:: O CLAN DE GRANDA (II)
March 01, 2015
:: SOMOS NÓS OU NON SOMOS
February 23, 2015






Diccionario da Real Academia Galega




Mandar a un/unha amigo/a



Para seguir este blog



administrador










| © 2006-2009 Xabier P. DoCampo |