Hai unhas horas que cheguei de Oviedo. Alí dei onte pola tarde unha conferencia na que pretendín inducir unha reflexión sobre da lectura. Teño que recoñecer que é un tema que acabou por me apaixonar: Para que lemos e para que queremos que os rapaces lean? É certo que dixen o que din que dixen.
Pero ao que ía, son catro horas de guiar para aló onte e catro para acó hoxe. Iso da tempo para lle dar moitas voltas á cabeciña. Por exemplo, para que quero este blog? Que debo facer con el e nel? Se o que teño que facer é contarvos a historia de don Pexerto que me contou Pepe Estévez hai uns días en Pamplona ou se lle debo dar outra orientación un pouco máis na liña do que veñen sendo os blogues.
Pensareino un pouco máis. De momento contarei o prometido e deixarei para máis adiante a decisión sobre tan “importante” asunto.
Don Pexerto fora director espiritual do seminario de Lugo e era un home algo místico pero moi boa persoa. Mesmo andaba pola rúa coas mans dereitas e a cabeza inclinada sobre dun ombro, nunha actitude de case oración.
Así baixaba nas horas de antes de amencer o día pola rúa do Bispo Aguirre camiño da adoración nocturna da Catedral, cando viu que pola mesma beirarrúa subía un borracho dando tombos. Don Pexertiño, por mor de non dar con el, foi variando o seu camiño cara ao outro paseo moi de vagariño e o mesmo fixo o bébedo.
Cando o crego observou a manobra, sen alterar a súa figura de home de Deus, regresou ao lugar por onde andaba anteriormente, tentando evitar o que consideraba que había suceder se daba co noctívago de fronte: que lle diría algunha cousa desagradábel. Pero o borracho tamén foi atravesando a rúa até se situar de novo na liña na que camiñaba o padre.
Nova corrección de traxectoria dun e imitación do outro e nestas xa estaban tan perto crego e borracho, que aquel estimou inevitábel o encontro e deixouse ir.
Cando don Pexerto estaba a metro escaso do home enchoupado, este ollouno de fronte e díxolle:
–Ti tamén vas bon. Vas ho...
E agora vou ler Peter Pan e a levita escarlata, que a levei para a viaxe pero só lin unhas poucas páxinas.

















