N. vai á escola con gusto. Quere aprender e quere estar coas outras nenas e cos outros nenos. Así foi até agora. Pero este ano sucede algo que está facendo que a escola deixe de ser un lugar agradábel e empece a se parecer un pouquiño ao inferno (será porque é nena e ás mulleres non é raro que se lles torne lugar de perigo os sitios que en de por si parecen de acollida?), desde hai un tempiño as outras nenas din que non queren xogar con ela, polo visto porque é cigana (canto me gusta esta palabra que me soa a música de violín), e dinlle cousas moi desagradábeis, moi duras de escoitar por calquera e moito máis por una nena pequena.
Ela dille á súa mamá, que é moi amiga miña, que non se preocupe, que non lle importa o que digan, que todo empezou cando ela xogaba con outra nena coa que non querían xogar as compañeiras polo mesmo, porque, dicían, era cigana.
N. é bonita coma a luz da mañá nos días da nosa felicidade: é loura coma as agras de pan centeo no mes da sega; ten os ollos entre o verde e o azul, depende da hora do día e da forza do sol; é lista e espelida coma un raio cando atravesa o ar na procura da terra e, por sobre de todo, e boa, é unha nena boa, una nena desas que vai xogar coa que non xoga ninguén, e iso é ser boa, moi boa. Hai uns días souben da historia dunha nena galega que, hai xa ben anos, nun país de América tiña que sufrir algo parecido ao que lle pasa agora a N.. A ela chamábanlle “gallega” e ríanse dela, pero esta nena descubriu un xeito de vinganza, ser máis lista e máis estudosa que aquelas que se rían e así puido poñelas en ridículo coa axuda dunha mestra intelixente e bondadosa.
Escribo aquí isto para que N. saiba que ten todo o meu amor e que a súa maneira de pelexar contra a inxustiza é a que está facendo, ser máis boa que as que lle din cousas feas. Pero tamén por se me len os seus mestres ou mestras, para lembrarlles que non hai nenos ciganos e nenos non ciganos, brancos ou negros, inmigrantes ou nativos (ía escribir pobres ou ricos, pero iso si que existe, que N. e máis eu sabémolo) senón só nenos e nenas. Nin sequera me atrevo a escribir que hai nenos bos e menos bos, porque os mestres e mestras, saben que tal cousa é cambiante.
Sei que esta situación vai mudar de contado, porque se así non fose tería que pensar que os mestres ou mestras da aula onde está N. son uns incompetentes e uns fracasados no seu oficio, e iso estou seguro que non é así.
Máis nada, só enviarlle beixiños a N..

















