Principiei hai uns días un costume que agora vou continuar e dese xeito vou traer aquí outro dos traballos que facemos o ilustrador e pintor Xosé Cobas e máis eu.
Desta vez, e seguindo o bon consello da miña querida e admirada amiga Leonor Combing, vou mostrar o almanaque que nos encargou a Consellaría de Cultura e Deporte da Xunta de Galicia. Para poñelo aquí tiven que arredar imaxe e texto (aínda que entrambas forman unha unidade), porque a reprodución non permitía a lectura con claridade, para iso aconsello facerse cun Calendario das Letras tal e como o editou a Consellaría:
Aquí vai, pois, este primeiro mes do ano e con el queremos, o meu compañeiro creativo e máis eu, desexar a todos cantos visitan esta casa FELIZ ANO 2008!!
Xaneiro

Empezar un ano é comezar un camiño.
Principiar unha andaina por onde ninguén pisou antes.
Camiñar sen ter marcadas as pegadas doutros pasos, doutros pés.
Coma quen bota a andar pola neve ou pola area mollada dunha longuísima praia.
Cada día unha pegada fonda, ben marcada e imborrábel.
Empezar un ano é entrar nun libro que contén a historia, aínda non escrita, de cada un de nós.
O libro do que nós posuímos as palabras.
É continuar a narración, seguir a contar o conto da vida.
Escribir as palabras aínda non inventadas, as palabras novas que nos nomean e nos chaman.
Adiante. Só é poñer un pé, facer a primeira marca na neve.

















