string(29) "Sat, 16 Feb 13 14:00:00 +0100" string(10) "1361019600" string(29) "Sat, 16 Feb 13 14:00:00 +0100" string(10) "1361019600" MIMOSAS un filme de Oliver Laxe « O blog de Xabier P. doCampo
Inicio Bibliografía Enlaces
Blog
Biografía
Contacto
 

Sen dúbida, o acto máis sublime de amor que eu coñezo é contar unha historia.


January, 2017
MIMOSAS un filme de Oliver Laxe


Acabo de ver Mimosas, o último filme de Oliver Laxe e indúceme algunhas reflexións que quero poñer aquí, por se animan a que vos acheguedes a calquera das cinco salas galegas e máis de vinte no resto do Estado, nas que se proxectará esta película estes días. Digo isto porque quero comezar por dicir que paga moito a pena ver este fermoso filme.


Díxeno en moitos lugares e escribino en diversos sitios, a min a arte, en calquera das formas nas que se presente, literatura, cinema, plástica, música..., interésame polo que sinto que me di de min, por aquilo que me interpela, que atinxe á miña subxectividade, e esta película é un bo exemplo diso.


Desde un tempo actual cóntanos a peripecia do traballoso traslado dun ancián, no primeiro momento e do seu cadáver máis adiante, até o lugar onde ten manifestado que quere ser enterrado e, para el, permanecer nun longo sono. Hai pois nela toda a épica do camiño e de todos os perigos que este leva aparellados desde aqueles conceptuados de iniciáticos a estoutros que cada día vemos percorrer aos desherdados da fortuna ou as vítimas do despropósito bélico. Ten, por tanto, a película elementos do cinema de aventuras e, mesmo, os escenarios polos que transcorre a travesía e pola atmosfera que crea a propia travesía, fannos pensar nas máis famosas e fermosas emboscadas do westerm.


Pero hai máis, moito máis na película de Oliver Laxe, porque nos fala dos motivos das nosas accións, de todo o que nos une cos camiñantes desta travesía e da nosa relación con aquilo que temos como transcendente. A lectura do que vamos vendo incita a nosa capacidade de comprensión á procura da motivación dos personaxes, que se fai procura das nosas propias motivacións. Por un lado está a fe simple Shakib, un crer que nunca foi sometido á reflexión, senón que se aceptou como explicación a todo canto non se controla ou non se comprende: o descoñecido cando dá en misterioso. Se o feito non se produciu como foi pedido é porque a petición non foi sincera. Shakib espera que a vontade de levar o corpo do sheikh até Sijilmasa é suficiente como para que o camiño exista e teña o destino desexado. Pero Ahmed e Said saben que ese camiño non existe e se o queren andar haberán de construílo. Nestas dúas posturas estabelece, ao meu entender, o director a diferencia entre a fe relixiosa e a espiritualidade, que non precisa da relixión para ser, pero que tamén pode cohabitar co rito. Non hai moito lin algo que vén moi ben ao caso e que é atribuído a un indio sioux. Vén dicir que a relixión é para os que viven con medo de ir ao inferno, mentres a espiritualidade é para os que xa estiveron alí. Isto diferencia claramente a Shakib de Ahmed e Said, porque o primeiro camiña na norma e na confianza, mentres os segundos o fan na dúbida e no deber, como integrantes da alma humana acendendo o persoal e construíndo o relacional.


Pero hai outro personaxe que me conmoveu profundamente, é Mohammed. Por que se afana este home en preservar o cadáver para que poida chegar en condicións ao seu destino, por que se integra nunha aventura perigosa na que compromete á súa propia filla? Porque, repito que ao meu entender, representa outro xeito de espiritualidade, aquela que se debuxa na tradición, no feito de facer as cousas como sempre se fixeron, e non como postura reaccionaria, senón como posición de partida para que o universo, sen deixar de ser misterioso e insondábel, poida ser un lugar seguro para construír e conter o ben máis grande que podemos gozar os seres humanos: a vida.


Con todo iso Shakib, Ahmed, Said e Mohammed farán que, e pouco importa cal, o lugar a onde o camiño os leve sexa en calquera caso Sijilmasa. O destino sempre se cumpre, a pesar de nós.


Quédame moito por dicir desta película que con tanto gusto vin estoutro día e verei mais veces. Poño por caso os sorprendentes e fascinantes escenarios do Atlas marroquí. Lugares dunha beleza deslumbrante, por veces vertixinosa e impoñente no tránsito dos camiños entre as montañas e as augas vivas dos caborcos entre elas, e outras cheos da paz dos ríos de augas toldadas polos minerais ou mergullados no silencio da neve.

 

Como tamén todo o interior dos personaxes expresada na face duns magníficos actores como son Shakib Ben Omar, Ahmed Hammoud e Said Aagli, todos homónimos dos seus personaxes, coma unha asunción do representado. E das inesquecíbeis olladas e silencios de Ikram Anzouli.


En fin, un goce para a vista e para a intelixencia este belísimo filme de Oliver Laxe. E se a alguén lle sentistes dicir que o cinema é a arte da mirada, ide ver MIMOSAS.


Aquí algunhas fotos do filme





posted by Xabier, January 06, 2017 16:10 | permalink | Xeral

1 - 1 of 1


Meus pais


O tempo na Coruña / Alvedro


Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet


blog home



archive
MAY 2017
MARCH 2017
JANUARY 2017
NOVEMBER 2016
OCTOBER 2016
JUNE 2016
APRIL 2016
FEBRUARY 2016
JANUARY 2016
DECEMBER 2015
MAY 2015
MARCH 2015
FEBRUARY 2015
DECEMBER 2014
NOVEMBER 2014
SEPTEMBER 2014
JULY 2014
JUNE 2014
APRIL 2014
MARCH 2014
JANUARY 2014
DECEMBER 2013
MAY 2013
APRIL 2013
MARCH 2013
FEBRUARY 2013
JANUARY 2013
DECEMBER 2012
AUGUST 2012
JUNE 2012
MAY 2012
APRIL 2012
MARCH 2012
FEBRUARY 2012
DECEMBER 2011
OCTOBER 2011
APRIL 2011
MARCH 2011
DECEMBER 2010
NOVEMBER 2010
JULY 2010
JUNE 2010
MAY 2010
FEBRUARY 2010
OCTOBER 2009
JUNE 2009
MAY 2009
APRIL 2009
MARCH 2009
NOVEMBER 2008
SEPTEMBER 2008
AUGUST 2008
JULY 2008
MAY 2008
APRIL 2008
MARCH 2008
FEBRUARY 2008
JANUARY 2008
DECEMBER 2007
NOVEMBER 2007
OCTOBER 2007
SEPTEMBER 2007
MAY 2007
APRIL 2007
MARCH 2007
DECEMBER 2006
NOVEMBER 2006
OCTOBER 2006
SEPTEMBER 2006
JULY 2006
JUNE 2006
MAY 2006
APRIL 2006



:: MIMOSAS un filme de Oliver Laxe
January 06, 2017
:: A CHORIMA, A FLOR DAS NOSAS LETRAS
May 12, 2017
:: Ilusionista Martín Varela. SERENDIPIA
March 05, 2017
:: UNHA LEMBRANZA DAQUEL PRIMEIRO DE ANO DE 1959
November 26, 2016
:: UNHA ÚLTIMA CARTA
November 16, 2016






Diccionario da Real Academia Galega




Mandar a un/unha amigo/a



Para seguir este blog



administrador










| © 2006-2009 Xabier P. DoCampo |