canta é coma se collese o meu corazón nas súa mans, pola cercanía e a calidez que sinto ao escoitala.E dicimos libro e ábrese a cada hora una caixa ateigada cos soños do ser humano. Aqueles que se escriben na nosa alma para lle ir dando forma, para nos ir facendo, para irnos creando coas palabras que contén ao abeiro do máxico poder da palabra para facer ser; para que sexa en nós péxego, landra, luzada, laverca, setestrelo…
Xa contei noutras ocasións aquel momento da miña adolescencia cando, no ano 1959 e recén chegada a familia á Coruña, ía eu un día co meu pai polo Cantón e, de súpeto, parou, púxome unha man no ombro e díxome: Agarda un intre que agora veño (porque meu pai dicía intre, cóbado, dona, pulo, circio, coxa, sofraxe…). Arredouse de min e entrou na libraría Zincke Hermanos. Ao pouco saíu de alí cun paquetiño que me entregou. Toma, le isto, que che ha axudar na vida, dixo. Abrino e era un libro: O Quixote, na edición da colección Austral que lle custara quince pesetas, para el moi duras de gañar. El non lera nin había ler nunca aquel libro, traballoso se lle facía soletrear o xornal cada día, pero cría que, do mesmo xeito que tronzara a súa vida polo medio para marchar a unha cidade co degaro de que os fillos puidesen estudar, nas páxinas daquel libro que el tiña por moi importante, gardábase unha boa parte do futuro que desexaba para min. Cando sentado diante da miña mesa de traballo ergo a cabeza, aínda vexo con emoción, xa velliño, ese exemplar do Don Quixote que meu pai me agasallou hai agora cincuenta anos.
E coa mesma nitidez lembro como uns anos despois, na libraría Celta de Lugo merquei un libro que lin en alto, para os meus, sentado detrás da cociña da casa da Feira do Monte. Un libro que falaba de nós, que nos facía recoñecérmonos nas palabras escritas igual que nos recoñecíamos cada vez que dicíamos carpaza, señardade, carqueixa, brétema, silandeira, guieiro… Era Terra Chá de Manuel María. Non se pode contar a miña vida sen os libros. Case estou tentado de dicir que non teño vida fóra dos libros. Mesmo me gustaría que o meu descanso derradeiro fose coma o daquela brava e sabia Leonor de Aquitania, que xaz nun sartego que por enriba a ten a ela representada en pedra na lectura inacabábel dun libro. Ficarei lendo decote orballo, muxica, lóstrego ou andoriña…
Por iso estou tan a gusto aquí, nesta festa da palabra. Da nosa palabra, da palabra dita na nosa lingua. Das palabras coma bidueiro, ceo, canciño, arrecendo, albaroque, noitébrega, ouriol… que tanto parecen molestar; que tantas ameazas teñen que escoitar; que se lles arrebatan aos nenos e ás nenas coma quen os protexe dunha mala compañía que os pode levar polo mal camiño. Son os que pensan que restarlles coñecemento é mellor que sumárllelo. Eses mesmos fillos aos que se quere eivar, porque, aínda que no futuro poderán ler, coma min, O Quixote, non terán a fortuna que eu tiven e teño de ler Terra Chá, A esmorga ou Merlín e familia. E non será culpa deles, porque ningún ser humano abandona a súa lingua voluntariamente, dun xeito ou doutro sempre o fai obrigado por alguén. As linguas perdidas son linguas arrebatadas e sempre con violencia, quer física quer moral. Violencia da man daqueles que Manuel María acusaba…
[…] de vivir na súa terra desprezándoa,
intentando borrar o seu idioma,
asasinando o seu ser diferenciado.
Lembrade aquelas palabras de Castelao: “Como chamaríamos a un home que consentise o derrubamento do Pórtico da Groria? Pois é certamente máis bárbaro quen deixa morrer o idioma, obra de arte insuperable, feita con amor, con door e con ledicia polos nosos antergos, que recibimos en herdo e que temos a obriga de enriquecer co esprito do noso tempo”.
A pregunta de como lle habemos chamar a ese home, que a responda cada un para o seu caletre. A min só me queda pedirvos que non recuedes nin permitades que se recúe. Chámovos á resistencia pacífica, porque non se pode esquecer que os pacíficos somos nós; os belixerantes, por moito que conten dentro con complicidades cipaias, veñen de fóra; dos delirios uniformadores, dos desexos de anular o que de propio e identitario haxa en nós; consideran que a nosa identidade é mala mentres teñen por boa a súa. Por iso a defensa da lingua é a defensa de nós mesmos, sen ela non somos nada no mundo, perdemos as dimensións que nos fan visíbeis, que nos dan o espesor necesario para facermos vulto no mundo.
Victoriano Taibo deixou dito aquilo de…
O galego que non fala
a lingua da súa terra
nin sabe o que ten de seu
nin é merecente dela.
Así que chamar pola defensa e polo uso da nosa lingua non é máis que facerse dignos da terra que habitamos, facérmonos merecentes dela. Por iso dicimos con gusto aloumiño, cadullo, chorima, cadrifollo, paseniño, besbello, landuxo…
Moitas grazas.
Xabier P. DoCampo
O Carballiño, 28 de marzo de 2009

















