Xa é moita a xente que, na altura, sabe que se está a facer unha película baseada na miña novela A casa da luz. É longa historia que comezou hai perto de dez anos e que naceu da miña amizade co produtor X. X. Cabanas Cao, que é moita e vella.
O proxecto, que principiou por se titular O pucheiro de ouro, foi desde o principio o de se converter en película, pero os avatares e o tempo deron nel en novela titulada A casa da luz, editada por Xerais en galego, por Anaya en castelán e por Barcanova en catalán. De aí regresou ao seu comezo, o cinema, e será película baixo a dirección doutro querido amigo, Carlos Amil.
Agora a cousa está tan adiantada que este luns, día 14 de xullo, comeza a rodaxe, que se ha prolongar por sete semanas. Propóñome neste tempo ir contando as miñas observacións da rodaxe e de todo canto a rodea. Quero que por min coñezan vostedes a xente que a fará posíbel, actores e actrices, nomeadamente os seis nenos e nenas (tres e tres) que nela traballan, técnicos e artistas, visitantes... As cousas que pasan, o asombro que me produce este prodixio do cinema, do que alguén dixo que era a máquina dos soños.
Na altura hai moito traballo xa feito, só polo casting para escoller os rapaces pasaron 1.600 nenos e nenas de toda Galicia. Resulta, isto do cinema, unha máquina pesada moi dura de mover.
Como exemplo diso e principio da miña presenza, este pasado venres asistín a o traslado dun barco de considerábeis dimensións desde o porto de Betanzos (si, si, Betanzos ten porto!) (na foto podemos ver o camión subindo a costa da Angustia por diante da igrexa) até Baio, no concello de Zas. Alí ficou instalado en seco (claro que, dado que chovía seguido, sería mellor dicir que ficou en húmido), diante dunha carballeira de tal fermosura que moito lles falarei dela nesta xeira que agora emprendo, á espera do luns, no que se dará o que antigamente se lle chamaba nas rodaxes cinematográficas, a primeira volta de beo.
Agardo por vostedes para seguir a lles contar todo o que vai sucedendo. Até entón, como di o director, Carlos Amil, saúde e películas.

















