Cando comecei a escribir aquí cada semana, tiña unha cousa clara: eu non faría un blog deses tipo bitácora ou diario. Eu faría literatura! Eu era o que Pessoa definía como un finxidor, por tanto finxiría os meus sentimentos a través da ficción e bla, bla, bla...
Pois tamén desta vez caeron sobre min todas as soberbias (como diría miña mai desde a súa sabedoría chairega) e aquí me vexo vertendo a fío sentimentos, un cachón de sentimentos. Os que garda o meu peito para os amigos, primeiro os presentes e palpábeis onte á noite, despois os tamén presentes, mais daquela non tanxíbeis... Aquí vades todos, un por un ou por parellas ou por pares, pero sen faltar ninguén. Isto é o primeiro que se me ven á cabeza cando vos evoco e vos convoco. E agora, unha vez vistos podía facer infinitos xogos de intercambio. Comezo pola miña dereita, pero de seguro que irei saltando duns a outros...
Cao, enorme caixa do peito chea de amizade.
Carmen, silenciosos sorrisos, sonoros coma gargalladas.
Chus, compañeira, mao amiga. Lúa de xaneiro. Quente lúa de agosto. Cada palabra túa é o verso enteiro.
Quique, que tes o significado xusto de cada palabra.
Cobas, qué che digo irmán, compañeiro da alma. Que fortuna para min dar contigo! Quen me dera retratar a emoción que agora me aperta a gorxa! Toma a miña mao, que seguimos a andar.
Ánxeles, corazón xeneroso, amiga sempre amorosa. Verso de luz, son de ollada limpa.
Irene, como se pode dar tanta alegría, mesmo nos momentos nos que o propio corazón non anda sobrado?
Alfredo, Tati, sons de poema que o aire apreixa, sodes ouro porque do ouro vides. E no ouro seredes.
Nati, metinme contigo no ollo dun furacán e sentín o pracer de caer de cu, mareado, a rir coma un tolo.
Fina, a voz exacta, o son limpo, o ton morno do cariño.
Mariano, guieiro acompasado e sempre atento.
Manolo, gardador da luz. Amábel sombra na beira do camiño.
Bea, fulgor que aluma as voltas do vieiro.
Irene, a que onte vin por segunda vez, se eu fose un pintor do quattrocento, pintaría madonnas co teu rostro.
Suso, o disfraz que agacha a túa tenrura só foi un lene veo para Ana.
Senín, sempre sinto que estás aí. Desde hai tanto tempo e cada hora ao agardo do amigo.
Carmen eu respondo por Suso.
Oscar, o mestre que xoga a parecer discípulo.
Lola, cando a ideoloxía é un sentimento enteiro, firme. Aínda esperanzado.
Isabel, deixáchesme ver como se che agrandaba o sorriso cada día.
Maricarmen, chamo por ti cando me sinto apurado. Nunca faltaches.
Rafa, o escepticismo é o resplandor da intelixencia.
Ánxeles, ás veces parece que fomos xuntos á escola. Si, si a esa da vida.
Juanjo, ser tan bon é un mal negocio, pero alá ti.
Pancho, non perdas máis o tempo, non sabes ser malo. Fáltache práctica.
Matilde, a risa púidoche.
Paco, irmao! (dito así, en chairego soberano). Mestre.
Agustín, voz que sempre atendo, palabra que me encamiña.
Farias, querido Juan, dou todo canto levo escrito polo pracer de poder ler calquera das túas páxinas.
Carlos, mirador das olladas. Escritor da luz.
Alcalá, Helena, cando deitamos ao chan o tabique que nos afasta, somos todos uns.
Federico, que nunca blasfemas da amizade.
José Luis, abrazo franco. Verdade. Amigo firme, porta aberta.
Antonio, repito, amigo de todas as horas.
Inma, río, mar. Auga que espella o ceo e faino posíbel.
Tuto, compañeiro de sempre. Camiñante do meu paso. Seguiremos a nosa andaina.
Mariasun, sultana e señora. Camiño por entre o bosque.
Deixei para o final, facéndolles un distingo, os que por máis meus teño:
Daniel, paso adiantado. O mundo, o país... a patria de meu.
María Jesús, aire, alento. Caricia, mao suave... Poema que me le. Verso derradeiro. Voz que escoito máis perto... A miña casa.

















